Partido Popular de Lugo

BALSEIRO REXEITA AS INSTALACIÓNS EÓLICAS PREVISTAS NO LITORAL MARIÑO DA NOSA COMARCA E SALIENTA A IMPORTANCIA DE PRESERVAR OS RECURSOS PESQUEIROS, TURÍSTICOS E MEDIO AMBIENTAIS DA ZONA

A Mariña, 22 de abril de 2009.- O deputado do Partido Popular de Galicia (PPdeG) Jose Manuel Balseiro Orol, vén de subliñar a importancia de preservar os recursos pesqueiros, turísticos e medio ambientais da costa da Mariña e, en consecuencia, amosou o seu rexeitamento ao plano de instalacións eólicas aprobado polo Ministerio de Medio Rural e Mariño. Segundo este novo mapa eólico un amplo espazo da costa da nosa bisbarra comprendido entre os concellos de Foz e Ribadeo –excluíndo as rías- estaría considerado como zona apta para a instalación destes aeroxeneradores. A maiores disto, o resto do litoral comarcal está considerado como “zona apta con condicións” en funcións das distintas situacións ambientais o que posibilitaría este tipo de instalacións que tanto impacto provocarían sobre a pesca, o turismo e os recursos naturais da nosa costa.

Balseiro non comprende como o Goberno central pode desprezar, como de feito o esta a facer con este novo mapa, o acordo adoptado polo conxunto das forzas políticas galegas no seo do Parlamento o 22 de novembro de 2005. Naquel momento PPdeG, PSOE e BNG decidiron por unanimidade amosar diante do Goberno central a súa posición contraria á instalación de parques eólicos mariños no litoral de Galicia. Foi precisamente a iniciativa do Grupo Popular quen trasladou a súa inquedanza ao Pleno do Parlamento. O propio deputado popular, Balseiro Orol, foi un dos autores da iniciativa que tiña por obxecto garantir a preservación dos espazos pesqueiros e marisqueiros da nosa costa.

EMPRAZA AO PSOE A POSICIONARSE.- “Está claro que o Goberno de Zapatero non fai caso á Cámara galega pero tamén, que o Goberno de Zapatero despreza ao propio PSOE de Galicia, que no seu día sumouse ao acordo de liberar á costa galega destas instalacións”- indicou Balseiro-. “Sería bo coñecer a posición dos socialistas ao respecto deste plan, que tomarán posición a favor ou en contra da instalación de aeroxeneradores fronte as nosas costas, tal e como pretende o Executivo de Zapatero”.

NOVA INCOHERENCIA DO BNG.- Balseiro tamén tivo unha mención especial para o BNG a quen acusou de manter un discurso totalmente incoherente. Por un lado os nacionalistas formaban parte do Goberno galego que debera ter negociado co Executivo central para que se cumprira o acordo adoptado por unimidade no Parlamento de Galicia e no que se opoñían a este tipo de instalacións. E, polo outro, non comprenden como é posible que os nacionalistas veñan apoiando ano tras ano ao Goberno de Zapatero sen ter en conta este tipo de desprezos. Nesta liña Balseiro Orol xa adiantou que reclamará ante a Xunta para coñecer as xestións que os anteriores titulares do Goberno galego fixeron para que puidera cumprirse este acordo.

SEN CONSULTA, SEN CONSENSO.- Por outra banda Balseiro lamentou que unha vez máis o Goberno central adopte unha decisión de tanta importancia desde os despachos e sen consultar cos sectores afectados. De xeito espeical, o deputado popular cuestiona o impacto que estas novas instalacións poden ter nos recursos pesqueiros e do litoral mariñán. Balseiro entende conveniente que o Goberno central pulse a opinión das confrarías e das distintas organizacións que traballan na área na que se situarán os muiños. “Non é posible que baixo a desculpa de promover as enerxías renovables, acabemos provocando un grave impacto en sectores como o da pesca ou o do turismo que están a ser unha fonte importante de recursos e empregos”.

COÑECER CON CELERIDADE TODOS OS DATOS.- Finalmente, Balseiro reclamou que o Goberno central dea conta con celeridade de cada un dos aspectos que aínda non se coñecen respecto deste plan de instalacións eólicas mariñas e, máis en concreto, os emprazamentos exactos dos futuros aeroxeneradores, a distancia á que quedarán da costa, a súa incidencia nas rutas de transporte marítimo e os estudos específicos, de existir, que avalíen o impacto ambiental destas instalación. Dun xeito especial, no ámbito dos recursos pesqueiros e marisqueiros.