Lugo, a 23 de marzo de 2009.- O Grupo provincial do Partido Popular criticou o retraso que están acumulando os pagos realizados pola Deputación ós seus proveedores, así como as subvencións con cargo ó Plan de cooperación coas comunidades veciñais.
Na opinión dos populares, a demora da administración provincial na liquidación das súas débedas está a perxudicar de xeito notorio ás comunidades veciñais pero sobre todo ás pequenas empresas que aprovisionan ó ente provincial, con mención especial ás que sirven ó hospital San Rafael, e que, dada a situación económica actual, non poden permitirse afrontar estes continuos retrasos no cobro das facturas.
Para o GPPP, a Deputación debería dar exemplo e amosar a súa sensibilidade e preocupación para co sector empresarial lucense dada a complicada conxuntura existente e acelerar o máis posible os pagos pendentes para non poñer en perigo a continuidade de ningunha empresa.
No que atinxe ó pago de subvencións adscritas ó Plan de cooperación coas comunidades veciñais, os populares suliñan que na xunta de goberno do pasado venres aprobáronse cinco axudas, por importe de entre 600 e 3.000 euros, correspondentes ó ano 2006. Para os populares que a estas alturas se esté aínda facendo fronte a achegas de hai tres anos resulta inxustificable porque o equipo de goberno xa leva máis de 20 meses, prácticamente dous anos, ó fronte da administración provincial.