Partido Popular de Lugo

O GPPP denuncia que a área de Turismo da Deputación non funciona

Lugo, a 21 de marzo de 2009.-  O GPPP denunciou hoxe que a área de Turismo da Deputación da nacionalista Vega Buján “nin está nin se lle espera” porque a estas alturas non está planificada a actividade dos catamaráns para o verán, non se fixo ninguna actuación en ningún dos puntos de atraque, agás no de Doade, e ademais veñen de quedar desertas as adxudicacións da xestión de certas instalacións turísticas da Deputación. O voceiro adxunto do GPPP, José María González Barcia, considera que así non se dá imaxe de provincia e o peor é que a imaxe que se dá é mala.

Barcia lembrou que nestes dous anos non se fixo ningunha actividade de difusión específica dos catamaráns, tampouco se fixo ningunha adecuación e mellora nos puntos de atraque dos barcos, co que cando baixa o nivel dos ríos hai problemas para realizar os embarques. Así, o Mencía non atraca nunca nos Chancís, en Sober.

Indicou tamén que quedaron desertas as adxudicacións das xestións das instalación deportivas e recreativas de Doade, Aguasmestas, Belesar-Presa, Belesar-Pobo, as de San Facundo de Ribas de Miño e as da Cafetería Bar de Augas Férreas, o que quere dicir que as condicións non son aceptables para as posibles empresas interesadas na xestión das mesmas.