Lugo, a 5 de marzo de 2009.- O Presidente provincial do Partido Popular José Manuel Barreiro deu esta tarde conta dos resultados electorais que a súa formación acadou na provincia de Lugo durante a reunión da xunta directiva provincial que estivo presidida polo Presidente rexional do PP Alberto Núñez Feijoo.
O Partido Popular de Lugo, segundo salientou Barreiro, mantivo a súa representación parlamentaria con respecto ás autonómicas de 2005 e segue a ser a forza maioritaria na provincia. Proba da “forza do PP en Lugo” é, segundo indicou, que os populares acadaron o respaldo de máis do 48 por cento do electorado e gañaron as eleccións en 57 dos 67 concellos da provincia, o que equivale a dicir no 85 por cento dos municipios lucenses. Ademais, o PP gañou as eleccións en 24 dos 34 concellos nos que non goberna.
Tamén suliñou o presidente provincial dos populares que tras os comicios, o PP incrementou o “seu distanciamento” con respecto ó PSOE e ó BNG, xa que a diferencia é nestes intres do 17,12% e do 33,46% respectivamente.
Dixo ademais que Lugo foi a segunda provincia de Galicia co índice de participación máis alto. Así, éste situouse no 73,08 por cento, só superado por Ourense cun 75,47%, por riba da media galega que foi do 70,45 por cento.
Asimesmo, Lugo, xunto con Ourense, foron as provincias que acadaron o maior respaldo electoral do Partido Popular, o 48,56 e o 49 por cento, respectivamente, por riba da media galega que foi do 47,09 por cento.
José Manuel Barreiro explicou que, “en base a estes resultados”, o PP estaría en disposición de recuperar nove alcaldías: Becerreá, Begonte, Burela, Castro de Rei, Meira, Navia de Suarna, Portomarín, Rábade e Triacastela; e o goberno da Deputación provincial.
Seguindo esta extrapolación de resultados, no que atinxe ó concello de Lugo, os populares lograrían 12 concelleiros e atoparíase a 2.000 votos de lograr a maioría absoluta.
No que atinxe a Lugo cidade, Barreiro indicou que o PP subiu máis de 2,5 puntos con respecto ás autonómicas de 2005, preto dun tres por cento en comparación coas municipais e un 8,62 por cento con respecto ás xerais. Segundo salientou, o PP na cidade de Lugo aumentou en 2.218 votos os seus resultados en comparación cás anteriores eleccións autonómicas de 2005.
Neste apartado alabou tamén a mellora dos resultados acadados con respecto ás autonómicas de 2005 en concellos nos que o PP non ostenta o goberno municipal “pola dificultade engadida que esto entraña”. É o caso, por exemplo, de Becerreá, Burela, Cervantes, Guitiriz, Monforte, Monterroso, As Nogais, Ribadeo, Sarria ou Viveiro.