Partido Popular de Lugo

Feijóo: «Galicia pode e vai escribir un novo capítulo na súa grande historia”

Modoñedo (Lugo), 24 de febreiro de 2009.- O candidato do PPdeG á Presidencia da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, pretende un comportamento “irreprochable e modélico”  do seu futuro Goberno nun contexto de rexeneración institucional e democrática co que aspira a devolver a confianza dos cidadáns na política. 

Nun mitin celebrado na localidade lucense de Mondoñedo -nunha tarde na que tamén protagonizou actos políticos en Ferrol e Vilalba- o líder dos populares galegos avanzou que, o vindeiro 1 de marzo, “Galicia pode e vai escribir un novo capítulo na súa grande historia”, porque “os grandes capítulos da historia dun pobo son produto da vontade inequívoca da sociedade”. 

 

EXEMPLO DE COMPORTAMENTO.- Esa nova etapa que Feijóo pretende liderar convertirá á Xunta nun “exemplo de como se debe comportar unha Administración en planificación económica, en gasto lóxico, en protección social e en comportamento ético”. 

ACABAR CO DESENCANTO SOCIAL.- Feijóo amosouse persuadido de que a rexeneración política que vai liderar a partir do vindeiro domingo non defraudará a  ninguén nin se traducirá en desencanto, como sucedeu co bipartito. Pola contra, o futuro Executivo do PPdeG estará á altura dos cidadáns e permitirá “recuperar a ilusión, a esperanza e a convicción de que todo é posible”. 

O Goberno de Feijóo será un equipo que “inclúa a todos”, porque se configurará sobre principios éticos sólidos que o levarán a gobernar sen exclusións. 

Abundando nesa idea, o líder dos populares galegos reiterou o seu compromiso de buscar a igualdade e a multiplicación de oportunidades para todos os galegos, primando o “respecto medioambiental, o aprecio, a conservación e o desenvolvemento do noso territorio; o equilibrio entre a costa e o interior, o rural e o urbano”.