Partido Popular de Lugo

ARIAS: “CO PP NON HABERÁ DIFERENCIAS NA DOTACIÓN DE SERVICIOS ENTRE O RURAL E A CIDADE”

Taboada, a 22 de febreiro de 2009.- Nos últimos catro anos o paro no sector primario na provincia de Lugo aumentou máis do 35 por cento e pouco máis do un por cento das persoas que están ó fronte de explotacións agrogandeiras son xóvenes polo que, segundo a cabeza de lista do PP por Lugo Raquel Arias, o bipartito enganou ós mozos porque nada hai desa incorporación das novas xeracións ó campo. 

O PP non vai permitir o abandono ó que tanto o PSOE como o BNG  someteron ó agro e aposta, segundo explicou Arias, por transformar o medio rural e natural en emprego e riqueza. Un obxectivo que pasa por mellorar  a calidade de vida no rural e para o que é imprescindible a dotación de servizos públicos suficientes e de calidade, xa que sen eles os xóvenes non se instalarán e os mozos, non cabe dúbida, son o futuro do mundo rural.

A posta en marcha dunha política de discriminación positiva en favor dos territorios rurais, que compense as desvantaxes da dispersión da poboación, sen esquecer o marco de contención do gasto público coa posta en marcha de liñas de apoio ó hábitat no medio rural; de  obradoiros de emprego de rehabilitación rural; facilitando o acceso da poboación rural á sociedade do coñecemento; investindo na mellora de infraestruturas e servizos básicos; abrindo liñas de apoio ás iniciativas privadas e de servizos para mellorar a oferta no rural; mellorando os equipamentos sociais e culturais e establecendo  axudas para conciliar a vida familiar e laboral no rural.

Tamén se mellorará a competitividade fomentando a produtividade e a mellora da xestión das explotacións agrogandeiras. Segundo anunciou Raquel Arias chegou o momento de solucionar os problemas dos nosos concellos, maioritariamente agrícolas e gandeiros, de mellorar as súas infraestructuras e os accesos ás explotacións agrícolas. Sen estas melloras de comunicacións é imposible o desenvolvemento económico e social dos concellos rurais da provincia de Lugo.

Así, o PP, segundo Arias, aposta pola elaboración de plans rurais comarcais, un novo plan de formación rural, incentivarase a investigación e formación a favor de novas producións agrarias e acelerarase e rematarase os procesos de concentración parcelaria que están en marcha.

Raquel Arias referiuse a estos aspectos en Taboada onde participou cos seus veciños na festa do caldo de osos na que tamén estiveron presentes, entre outros, os candidatos da zona sur da provincia de Lugo, Susana López Abella e Dámaso López.