Lugo, a 21 de febreiro de 2009.- O Grupo provincial do Partido Popular levará ó vindeiro pleno da corporación provincial unha moción na que insta á Deputación a facer un inventario de exemplares ou grupos de exemplares de árbores senlleiras nos espazos que lle son da súa competencia, así como a asinar convenios de colaboración cos concellos que llo demanden para proceder a facer inventarios similares nos espazos de competencia municipal.
Os populares poñen de manifesto que a variedade de especies arbóreas existentes na nosa provincia é considerable, xa que a maiores das especies autóctonas tamén hai outras variedades que, aínda sendo foráneas, téñense aclimatado perfectamente ó noso entorno e forman, por conseguinte, parte de el.
Tanto no caso de especies autóctonas coma das que non o son, as peculiaridades dalgúns exemplares convertéronos en “senlleiros”, como pode ser o caso do eucaliptal de Chavín, en Viveiro, que xa conta con protección específica. Unha protección que, o entender do GPPP, pódese facer extensible a outros casos e que permitirá non só a súa conservación senón que se convirta nun punto de atención natural e incluso de interese turístico.