Partido Popular de Lugo

ARIAS: “CO PP, NON TERÍAN PECHADO EN LUGO AS 600 EXPLOTACIÓNS LEITEIRAS QUE O FIXERON NO 2008”

Guitiriz, 19 de febreiro de 2009.- A cabeza de lista do Partido Popular por Lugo Raquel Arias fixo referencia na súa intervención no mitin celebrado hoxe en Guitiriz “as sús orixes rurais”. “Nacín nun pequeño concello do interior da provincia de Lugo, estudiei nel, pero tiven que marchar para seguir formándome, como de seguro lles está a pasar ós vosos fillos, pero, despois de estudar e traballar fora, voltei a vivir no meu pobo de sempre, no que me viu nacer e no que fun nai, onde formei unha familia e onde teño o meu fogar”, explicou.

Arias insistiu en que “eu vivo o día a día da miña xente, das miñas veciñas e veciños, escoito os seu problemas, as súas inquedanzas, que as fago miñas. Por eso sei, de primeira man, as precariedades e dificultades  polas que está a pasar o noso medio rural”. Segundo dixo, “o PP tamén coñece estes problemas e ten alternativas e solucións sobre a mesa. Está claro que si o PP estivera gobernando a día de hoxe non deixaría abadoada a súa sorte a ningunha explotación leiteira da nosa provincia, e a bo seguro, non estarían pechadas 600 granxas”.

Raquel Arias non deixou pasar a oportunidade para declarar a súa “admiración e respeto” polas mulleres do rural que “polo seu traballo, pola súa forza e pola súa coraxe foron pezas claves para a supervivencia do medio rural”.

Agustín Baamonde, pola súa banda, centrou a súa intervención “no abandono do que foi obxecto o noso sector agrogandeiro”. Lembrou neste senso que 600 explotación leiteiras pecharon as súas portas en Lugo “porque o bipartito mirou hacia outro lado para non ver o que estaba pasando no noso agro”.

Unha “grave crise” que non é exclusiva do sector lácteo, tamén a producción de carne “sufriu un baixón co desplome dos prezos dos becerros” e “nin BNG nin PSOE se lles pasou pola cabeza facer un plan de choque para frenar esta situación”.

Baamonde asegurou que nin a ministra socialistas do ramo nin o conselleiro nacionalista “fixeron nada para defender os interese dos gandeiros nin en Europa, nin en Madrid nin en Santiago”.

O Partido Popular, asegurou, estivo sempre coas xentes do agro de Lugo, de Galicia, e voltará a estalo a partir do 1 de marzo. “Sabemos cales son os problemas e aportaremos solucións para, entre todos, superalos” porque, segundo engadiu, “o PP cree nun rural dinámico, competitivo e con futuro”.

“Imos mellorar a calidade de vida nas nosas aldeas  coa dotación dos servicios públicos que se precisen e que igualen en calidade ós das cidades para que, entre outras cousas, os xóvenes vexan no sector agrogandeiro non só unha saída laboral senón unha maneira de vivir. Haberá unha política de discriminación positiva a favor dos territorios rurais e ademais melloraremos a competitividade das empresas e explotacións fomentando a modernización, a investigación, a formación, a diversificación da producción e da transformación e abrindo lineas de apoio para a comercialización”, explicou Agustín Baamonde.

Antes do mitin de Guitiriz, os populares celebraron outro en Rábade e pecharon xornada en Xermade.