Partido Popular de Lugo

ARIAS: “É INDECENTE UTILIZAR AS INSTITUCIÓNS EN NOME DOS MÁIS DE 19.300 PARADOS PARA FACER UN ACTO ELECTORAL”

Lugo, a 17 de febreiro de 2009.- “Ricardo Varela escenificou onte na Deputación un acto electoral do Partido Socialista e fixoo a costa dun tema tan sensible como é o paro, unha lacra non só para Lugo, tamén para Galicia e España”, asegurou a cabeza de lista do PP en Lugo Raquel Arias.

“Empregar as institucións e os máis de 19.300 desempregados que hai na provincia para facer unha vez máis un acto de propaganda electoral e, aínda por riba, en plena campaña, é un acto absolutamente indecente”, engadiu Arias.

O PSOE, lembrou a candidata popular, “montou hai un ano uns chiringuitos ó seu servicio, denominados pactos polo emprego, para non ser menos que os seus compañeiros de goberno co seu Consorcio de Servizos Sociais”. 

A día de hoxe, sen embargo, segundo suliñou, aínda non se coñece ningunha actuación que puxeran en marcha ningún dos tres pactos que se estableceron na provincia de Lugo e nos que “se integraron concellos en función dos seus interese partidistas e non con vocación de traballar de verdade polo fomento do emprego”.

“O Sr. Ricardo Varela tivo máis de tres anos para poñer en marcha actuacións que propiciaran a dinamización do mercado laboral e a creación de postos de traballo. Non fixo nada e agora asina protocolos que, como xa nos ten acostumados, non serán máis que fume, manuais de intencións que non se concretan en nada nin serven para nada”, sentenciou.