Partido Popular de Lugo

“O PP É O ÚNICO QUE DÁ GARANTIAS DE QUE O QUE COMPROMETE PARA LUGO VAISE CUMPRIR”

Lugo, a 12 de febreiro de 2009.- O Presidente provincial do Partido Popular José Manuel Barreiro, xunto con varios integrantes da candidatura do seu partido por Lugo, Raquel Arias, Jaime Castiñeira e Isabel García, presentaron as propostas “concretas” que inclúe o programa electoral dos populares para a comarca de Lugo.

“Terá que voltar o PP ó Goberno da Xunta para que os proxectos que estaban comprometidos para Lugo deixen de ser un compromiso e se convertan en realidade”, explicaron os populares, para seguidamente enumerar unha “longa lista de incumprimentos”:

O polígono das Gándaras “para o que o PP deixou xa no 2005 redactado o plan sectorial”; o auditorio, “do que acaba de presentarse un boceto de proxecto tras máis de nove anos en espera”; o novo hospital, “cuxa obra iniciou o PP e que debería de estar xa inaugurado”; vivendas de protección, “o bipartito adicouse a entregar as que deixou feitas o PP porque eles non foron capaces de empezar e rematar nin unha soa vivenda en toda a provincia”…

“A única maneira de sair da grave crise na que estamos e que na Xunta de Galicia haxa un único Pesidente que marque un rumbo claro e non dous copresidentes, coma durante este últimos catro anos, que se adicaron a tirar cada un para o seu lado na vez de afrontar os problemas e aportar solucións”, engadiron.

Os representantes populares aseguraron que “chegou o momento de facer unha aposta firme e decidida por Lugo, unha aposta que só o PP esta en condicións de poder garantir”.

Un “compromiso” que principia por garantir a prestación dos servizos sociais cubrindo a necesidade real de prazas para dependentes, creando residencias de maiores, centros de día e novas prazas de garderías, así como levando o saneamento e o abastecemento de auga a todos e cada un dos concellos da comarca e a todas as parroquias de Lugo.

Un compromiso que pasa tamén por garantir a posta en marcha “xa” do novo Hospital de Lugo e por aproveitar axeitadamente os terreos do actual Hospital Xeral; por rehabilitar o conxunto do casco histórico e dos barrios da capital e “revitalizar” a oferta cultural con “apostas atractivas” que fixen a Muralla como principal referente e reclamo.

“Merecemos”, aseguraron os populares, que en  todos os concellos da comarca se invirta no mantemento e mellora da súa rede viaria; que o concello de Friol conte cun centro de día e se poña en funcionamento unha escola infantil, sen a esixencia imperativa de pertencer ó Consorcio Galego de Servizos Sociais, que a banda ancha chegue a todos os municipios ós que aínda non chegou como O Corgo, Outeiro de Rei e Rábade; que se arranxe o firme e o trazado da estrada que comunica Friol e Sobrado dos Monxes e de Friol a Palas de Rei; que o concello de Guntín conte con máis inversións para as prestacións de servizos sociais no rural ou para a dotación e mellora dos alumados públicos nas súas parroquias e para que dispoña de chan industrial ou para que se constrúa unha planta de tratamento de plásticos agrícolas, e que Castroverde teña unha Residencia de 3ª idade e unha Casa da Cultura.

Os compromisos dos populares inclúen ademais o abastecemento de auga e saneamento para, entre outros, os concellos de Outeiro de Rei, , Rábade e O Corgo, poñendo especial énfase na dotación de depuradoras.

Para o PP, “chegou o momento de dotar á Comarca de Lugo de infraestructuras propias do século en que vivimos, de que se axilice a construcción das autovías de comunicación con Santiago e Ourense, de que o AVE chegue a Lugo, de que contemos cun tren digno e de que se melloren as infraestructuras viarias de tódolos concellos da comarca”.