Santiago, 5 de febreiro de 2009.- Novo caso de utilización irregular de recursos públicos ao servizo de intereses privados. A Consellería de Pesca puxo a disposición dunha empresa privada a embarcación polivalente Irmáns García Nodal, pertencente do Servizo de Gardacostas de Galicia, para retirar as xaulas dedicadas á cría de salmón na ría de Arousa.
Osa feitos foron denunciados polo portavoz de Pesca do PPdeG, José Manuel Balseiro, que cuestiona que cada día xurda unha nova irregularidade no servizo de Gardacostas de Galicia.
De feito, á xa desvelada perda de potencia do Sebastián de Ocampo pola avaría que presenta un dos seus motores, se suman agora os traballos privados que está a realizar o Irmáns García Nodal e que lle restan capacidade operativa e merman a súa rapidez de resposta no caso de que xurda algún operativo de emerxencia no mar no que sexa requirida a súa participación.
Neste escenario, Balseiro esixe que a Consellería de Pesca explique as verdadeiras razóns desta utilización irregular de recursos públicos, a quen está beneficiando e qué contraprestacións recibe por esta decisión arbitraria.