Santiago 4 de febreiro de 2009.- O voceiro para asuntos de Pesca do PPdeG, José Manuel Balseiro, asegurou que a Xunta de Galicia -a través da Consellería de Pesca- está a permitir “de xeito flagrante” unha serie de irregularidades no funcionamento das lanchas do Servizo de Gardacostas de Galicia. Balseiro asegurou que “o descontrol” que existe actualmente nas augas galegas reflicte “o ilimitado grao de incompetencia” da conselleira en funcións Carme Gallego “e de todo o equipo que estivo ao fronte da Xunta nos últimos catro anos”.
Entre os exemplos “de desgoberno” da Consellería de Pesca apuntados polo voceiro popular figura o feito de que a gran maioría das embarcacións do Servizo de Gardacostas permanezan amarradas a porto dende outubro do 2006, “e as poucas que están operativas ou ben presentan deficiencias mecánicas, ou ben están a traballar con graves irregularidades na súas dotacións”.
Neste senso asegurou que “as poucas lanchas” de Gardacostas que saen ao mar para facer as súas labores nalgúns casos están patroneadas por persoal non funcionario, noutros non levan a bordo a tripulación mínima requirida (patrón, mecánico e mariñeiro); e noutros, están a ser patroneadas por persoal que non posúe a titulación náutica esixida, ou que non superaron o oportuno proceso selectivo para estes postos “senón que están encadrados na categoría de vixiantes/mariñeiros e non nas de mandos de embarcacións, carecendo de experiencia profesional para mandar unhas embarcacións adicadas, ademais da vixilancia, ao Salvamento Marítimo” lembrou Balseiro.
“E mentres isto está a ocorrer, a señora Gallego non só non está a facer nada para subsanar esta situación coma debería de facer calquera persoa ao fronte dunha administración e que en teoría esta para velar polo cumprimento da legalidade; senón que está a permitir e fomentar de xeito flagrante esta serie de incumprimentos e irregularidades” salientou Balseiro.