Santiago, 31 de xaneiro de 2009.- Fiel ao seu estilo habitual, o conselleiro de Medio Ambiente continúa mentindo sen rubor en relación coas irregularidades de Sogama, sobre as que agora trata de desligarse, a pesar de que sobre el recae toda a responsabilidade política de cantas anomalías se teñen cometido nesa empresa.
Jaime Castiñeira, voceiro de Medio Ambiente do PPdeG, estima que o vertedoiro que Sogama posúe na Areosa só dispón de capacidade para seguir funcionando un máximo de dous ou tres meses, pola falta de espazo que presenta, como acreditan fotografías recentes, nas que se percibe con claridade que a base da morea de residuos se sitúa no límite dos terreos adquiridos pola sociedade pública.
A saturación deste vertedoiro de Sogama súmase ao recente peche do que xestiona directamente Danigal, clausurado estes días logo de confirmarse, punto por punto, as denuncias formuladas desde hai meses polos populares galegos.
CARENCIAS DE MANTEMENTO DA PLANTA TERMOELÉCTRICA.- As mentiras vertidas polo conselleiro contrastan tamén coa realidade da planta termoeléctrica de Sogama, que tamén se atopa saturada e carece de capacidade para incrementar o volume de material a tratar.
Ademais, o complexo ambiental de Morzós (Cerceda) presenta serias carencias de mantemento como consecuencia da ausencia de investimentos ordenada polo presidente da empresa, José Álvarez, nos tres últimos anos, o que está provocar un envellecemento prematuro que terá difícil solución se non se remedia a curto prazo e que podería complicar aínda máis a xestión dos residuos sólidos urbanos xerados na Comunidade Autónoma.
O conselleiro de Medio Ambiente oculta tamén que desde a súa chegada a ese departamento paralizou o proxecto de ampliación da planta de Cerceda que deixara ultimado o equipo que o precedeu e que contemplaba, ademais, o estudo dunha segunda planta de tratamento de RSU, no sur de Galicia, que incorporaría a produción de compost. De non se ter paralizado estes proxectos, Galicia tería resolto, a día hoxe, a xestión da totalidade dos seus residuos, sen necesidade de enterrar unha soa tonelada dos mesmos.
Sen embargo, a política de residuos do bipartito consistiu en achanzar e ampliar o vertedoiro da Areosa, que pasou de recibir 100.000 toneladas anuais a superar as 500.000 toneladas/ano actuais, como consecuencia do incremento na xeración de lixo (non se fixeron campañas de redución) e do fracaso estrepitoso do modelo de Nostián auspiciado polo PSOE.
PASEAR O LIXO POR GALICIA.- Simultaneamente, a outra gran aportación de Manuel Vázquez á política de tratamento dos RSU consiste en pasear os residuos por Galicia, ata o punto de que o lixo producido en Sobrado dos Monxes se traslada a Cerceda, mentres que o da Coruña se enterra agora en Sobrado dos Montes. “Esta si que é unha estratexia intelixente e ben plantexada, que só pode xurdir das mentes privilexiadas que necesitan dispoñer de cadeiras de 3.000 euros para poder traballar”, afirma Jaime Castiñeira.
Con todo, o PPdeG volve chamar a atención sobre o vertido de lixiviados tóxicos que continúan fluíndo desde o vertedoiro da Areosa cara o Río Lengüelle, a pesar dos riscos ambientais e de saúde pública que comportan.
A pesar da gravidade deses feitos, que están a ser investigados por un xulgado da Coruña, a Consellería de Medio Ambiente non adoptou medida algunha para frear ou minimizar o impacto deses vertidos, confirmándose que o departamento que dirixe Manuel Vázquez remata a lexislatura convertido nun dos focos contaminantes máis activos de Galicia.
A XUNTA NON QUERE TESTEMUÑAS INCÓMODAS
Desde as primeiras denuncias formuladas polo PPdeG en relación con estes vertidos, a única medida adoptada por Medio Ambiente consistiu en instalar un valado metálico que pecha todo o perímetro do vertedoiro da Areosa. Se ben o peche perimetral dos vertedoiros é unha medida esixida pola normativa vixente, que a Xunta ignorou ata o de agora, coa instalación da rede metálica, Manuel Vázquez e José Álvarez tratan de evitar tamén a presenza de testemuñas incómodas que podan dar conta das ilegalidades cometidas no vertedoiro e deixen constancia gráfica das mesmas.