Partido Popular de Lugo

O PPdeG CUALIFICA DE “FICTICIA” A OPERATIVIDADE DO SEBASTIÁN

Santiago, 30 de de xaneiro de 2009- O voceiro de Pesca do PPdG, José Manuel Balseiro, afirma sentirse “abraiado” coa resposta da consellería de Pesca sobre a denuncia efectuada en relación coa avaría que presenta un dos motores do remolcador de Gardacostas de Galicia Sebastián de Ocampo dende o pasado mes de xuño.

Para Balseiro, o realmente preocupante é que Pesca afirme precisamente que o mencionado buque estea operativo para actuar en sinistros marítimos. Segundo Balseiro, esas afirmacións sobre a operatividade do Sebastián de Ocampo son “puramente ficticias”. “Din que o remolcador está preparado para intervir, pero o que non din é nas condicións técnicas nas que o debería de facer no caso de ter que actuar nunha operación de socorro”, enfatizou o político popular . 

Reitera o PPdeG que o Sebastián de Ocampo está a funcionar cun só motor, o cal está a provocarlle unha merma dun 66 por cento na súa capacidade de desprazamento e na súa potencia de arrastre; e mantén que non está capacitado para facer tarefas de remolque. Na súa opinión, ter activo o remolcador nestas condicións é propio “de irresponsables” nunha Consellería de Pesca está a poñer en perigo a vida dos seus tripulantes e da dos buques que tiveran que precisar da súa axuda no caso de ter que intervir nun servizo de rescate en condicións críticas.    

PESCA DEBE FACER UNHA PROBA DE POTENCIA.- Balseiro recorda que o Sebastián de Ocampo e o Irmáns García Nodal foron construídos para patrullar en condicións meteorolóxicas adversas, preto dos caladoiros onde faena a flota galega para dar rápida resposta en caso de sinistro. “Por iso -asegurou Balseiro- non nos vale que se esgrima coma mostra da operatividade a súa participación no operativo do mercante Doxa na ría de Arousa, porque non tivo que desenvolver a súas tarefas en condicións de mar aberto”. Por isto, conminou ás autoridades autonómicas a demostrar as súas afirmacións de idoneidade no funcionamento do Sebastián de Ocampo mediante unha proba de potencia do buque “para demostrar quen está a dicir a verdade”.

Por último, Balseiro esixe aos responsables da consellería de Pesca que solventen canto antes os problemas de motor do Sebastián de Ocampo, e mentres tanto, que sexa  substituído por outro buque das mesmas características. “Dende o Partido Popular queremos que se garanta a efectividade dos nosos servizos de salvamento, pero coa forma de proceder da consellería esperamos que non ocorra unha desgraza que nos veña a dar a razón” dixo.