Partido Popular de Lugo

CASTIÑEIRA RECOMÉNDALLE A OROZCO QUE “TOME BOA NOTA” DA RESOLUCIÓN DA XUNTA ELECTORAL CENTRAL

Lugo, a 30 de xaneiro de 2009.- Jaime Castiñeira, o número dous da candidatura do PP por Lugo, instou hoxe ó rexidor lucense José Clemente López Orozco a que “tome boa nota da resolución adoptada onte pola Xunta Electoral Central e se absteña de animar ós residentes galegos residentes no exterior a votar aínda que non teñan os seus documentos en regra”.

Castiñeira reincidiu nas críticas efectuadas o pasado mércores a raíz das declaracións realizadas por López Orozco durante un acto celebrado en Arxentina, que non dubidou en tachar de “impresentables”, e amosou a súa “sorpresa porque alguén ostenta o cargo do señor Orozco poida dicir semellante cousa”.

O deputado popular agarda que tras o pronunciamento da XEC “os socialistas deixen de enredar con este asunto do voto exterior” aínda que, segundo matizou, “polas reaccións dalgúns responsables socialistas parece que seguirán insistinto”.

Unha insistencia que, segundo indicou Castiñeira, “o leva a pensar que os socialistas tiñan botado unhas contas que agora non lle saen, así que intentarán  calquer artimaña para opoñerse ó que por sentido común é lóxico”.