Partido Popular de Lugo

PP: “O PSOE DEBERÍA CAMBIAR DE LETANÍA E DEIXAR DE PROMETER CADA CATRO ANOS O QUE DESPOIS NUNCA CUMPRE”

Lugo, a 29 de xaneiro de 2009.- A cabeza de lista do PP pola provincia de Lugo Raquel Arias e o tamén candidato pola zona sur Dámaso López ás vindeiras autonómicas convidaron ó número un do PSOE, Ricardo Varela, a “cambiar de letanía e deixar de prometer o mesmo cada catro anos”. “Os incumprimentos dos socialistas son tan notorios que as súas ofertas non teñen ningunha credibilidade e máis ben parece unha tomadura de pelo ós vecinos dos sur da provincia. Tivo catro anos para poñer en marcha un plan de desenvolvemento específico para esta zona aínda que debería ter principiado por cumprir o que prometeu durante esta lexislatura”, indicaron. 

Arias e López concretaron as súas críticas á xestión socialista na Xunta de Galicia. Así, segundo indicaron, o bipartito non gastou “nin un euro en obra” no porto seco de Monforte. “Os monfortinos teñen moi presente que o que hai feito nesta infraestructura corresponde á etapa de goberno do Partido Popular e que este proxecto, decisivo para o desenvolvemento económico deste concello, e por extensión, do resto da comarca, estivo gardado nun caixón durante moito tempo porque o bipartito só pensaba en borrar a pegada do Goberno de Manuel Fraga e o interese xeral pasou a un segundo plano”.

O tan publicitado plan de reequilibrio territorial foi, engadiron, “unha gran estafa para todo o interior da provincia de Lugo. Non conlevou ningunha inversión para eses pequenos concellos ós que tanto se ía axudar”.

No que atinxe á intención dos socialistas de potenciar os recursos naturais coma o viño e o patrimonio da zona sur da que deu conta onte Varela en Monforte, Raquel Arias e Dámaso López non dubidaron en calificala de “hipócrita”. 

“A única actuación que se lle coñece ós socialistas sobre este aspecto foi a aprobación da lei de drogas, na que incluía viño e sidra, e a colocación de biondas metálicas en zonas protexidas pola  rede Natura 2000, destruíndo  en boa medida o valor paisaxístico da Ribeira Sacra”, explicaron. 

“Para poder facer promesas con fundamento Ricardo Varela debería explicar a razón pola que o PSOE non aprobou unha proposta do PP para facer un plan integral de desenvolvemento na Ribeira Sacra que si contou coa apoio unánime de todas as forzas políticas, incluida a que el pertence, no Congreso”, engadiron.

Na opinión dos candidatos populares, “é de moi mal gusto” que o PSOE pretenda facer méritos cos traballadores afectados pola crise das empresas da pizarra, que na meirande parte dos casos levan máis de seis meses “sen cobrar un céntimo”. 

“É un engano maiúsculo ofrecer ós afectados créditos ós que despois non poden acceder polas trabas administrativas que lle poñen”, aseguraron, ó tempo que salientaron que “o plan Laxa no lle dá a estes traballadores en paro unha opción de futuro. É un mero parche que, ademais, despois de anuncialo a bombo e platillo hai moito tempo, aínda non é efectivo”. 

“Ricardo Varela, como conselleiro de Traballo, debería explicar os resultados da súa xestión na creación de emprego na zona sur, da posta en marcha da Unidade Promoción e Desarrollo de Santa María la Real, que a súa consellería finaciou con un millón de euros e da que nunca máis se soubo ou incluso do Pacto Local polo Emprego do que a día de hoxe non se coñece ningunha actividade”, engadiron.