Partido Popular de Lugo

O PPdeG DENUNCIA QUE O REMOLCADOR DO SERVIZO DE GARDACOSTAS SEBASTIÁN DE OCAMPO TEN LIMITADA A SÚA OPERATIVIDADE DENDE HAI SEIS MESES DEBIDO A UNHA AVARÍA NUN MOTOR

Santiago, 29 de xaneiro de 2009.-  O voceiro para asuntos de Pesca do Partido Popular de Galicia, José Manuel Balseiro, denunciou hoxe o «pasotismo e a indiferenza» dos responsables do bipartito en materia de vixilancia e salvamento marítimo. Segundo as informacións manexadas polos populares, o remolcador Sebastián de Ocampo (un dos dous buques insignia do Servizo de Gardacostas de Galicia xunto có buque Irmáns García Nodal) leva dende o mes de xuño cun dos seus dous motores propulsores avariado, o que mingua considerablemente a súa operatividade.
Estes problemas de motor fan que o Sebastián de Ocampo teña limitada a súa potencia nun 66%. Segundo as características técnicas, este buque pode alcanzar unha velocidade de 14,6 nós (26 Km/h) e actualmente non supera os 5 nós (uns 9 Km/h). Isto impídelle desenvolver as súas tarefas de remolque e salvamento no caso de que algún buque precisase da súa axuda. «Dubido incluso que nestas condicións o barco poda estar realmente operativo, pois si ten que prestar servizo con mal tempo podería correr perigo o propio buque e os seus tripulantes pola súa manifesta limitación de potencia» apuntou Balseiro. 

Ao seu xuízo, esta é unha mostra máis “da longa sucesión de anomalías” que se veñen producindo no Servizo de Gardacostas de Galicia «e que en ningún caso se poden achacar ás tripulacións, senón á incapacidade dos responsables políticos da Xunta», puntualizou Balseiro. Na súa opinión, a «indiferenza» dos responsables en materia de seguridade e salvamento de Galicia «non ten xustificación algunha” e esixiu unha cascada de dimisións en cadea “con carácter inmediato».

POUSADOIRO PARA AS GAIVOTAS.- O representante popular lembrou que «este caos» no servizo de Gardacostas comezou a fraguarse no momento en que Carme Gallego accedeu á fronte da Consellería de Pesca. «Só hai que recordar que a raíz da supresión das categorías de patrón e mecánico a gran maioría das embarcacións dos Gardacostas levan amarradas nas súas bases dende outubro do 2006, o que provocou que mudaran a súa función básica para converterse hoxe en día en pousadoiro para as gaivotas» ironizou Balseiro.

Esta circunstancia, «xunto coa manifesta incapacidade de dar resposta aos problemas» dos responsables en materia de Pesca do Goberno de Galicia, ten provocado en opinión de Balseiro que os buques Irmáns García Nodal e  Sebastián de Ocampo
-deseñados para patrullar en condicións meteorolóxicas adversas nos caladoiros onde faena a flota galega có obxecto de dar rápida resposta en caso de sinistro- se atopen sen embargo case sempre amarrados no interior das rías de Ferrol, Coruña, ou Arousa facendo labores de control do marisqueo mediante as súas embarcacións auxiliares. «E as súas tripulacións, en lugar de descansadas, están esgotadas de facer labores constantes de vixilancia, o cal podería minguar as súas capacidades no caso de ter que acudir a un sinistro» asegurou Balseiro.