Partido Popular de Lugo

Feijóo reclama axudas aos afectados polo temporal, que os pagos se efectúen inmediatamente e anuncia que os concellos do PP abrirán oficinas para atender aos veciños

Santiago, 28 de xaneiro de 2009.-  O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, reclamou hoxe á Xunta que publique esta mesma semana no Diario Oficial de Galicia unha convocatoria de axudas para indemnizar con urxencia, a todos os afectados polo temporal que asolou a Comunidade durante a pasada fin de semana.

Feijóo, que se reuniu esta mañá en Santiago con alcaldes e voceiros municipais do PPdeG dos concellos afectados, urxiu á Xunta a actuar con celeridade e entende que as axudas públicas deben ter carácter subsidiario respecto aos danos cubertos por seguros e complementarían a estes cando non cubran a totalidade dos danos. En ausencia de seguro, deberán ser as axudas públicas as que socorran aos damnificados.

O presidente dos populares galegos propón que as axudas a promulgar pola Xunta establezan  indemnizacións por falecemento, incapacidade absoluta permanente e lesións derivadas do temporal que acabaran provocando a hospitalización do afectado. As axudas deberían estenderse tamén aos casos nos que o temporal teña dificultado a asistencia médica inmediata ou os dispositivos dos equipos de emerxencia.

100% DOS DANOS NA  RESIDENCIA.- En materia de Vivenda, o PPdeG entende necesario que as axudas públicas cubran o 100% dos danos provocados nas residencia dos seus moradores e no enxoval doméstico que puidese verse afectado.

O plan de axudas reclamado esta mañá por Feijóo contempla tamén que se cubran os danos nas edificacións, instalacións, maquinaria, mercadorías e vehículos afectados e pertecentes a establecementos comerciais, mercantís, industriais e turísticos, así como as perdas ocasionadas pola falta de fluído eléctrico.

PERDAS NO AGRO.- A xuízo de Feijóo, as axudas públicas deberían cubrir simultaneamente a totalidade dos danos provocados polo temporal en explotacións agrícolas e gandeiras e nas infraestructuras particulares danadas, como camiños forestais, captacións de auga e outras. Neste apartado, o PPdeG tamén entende necesario indemnizar aos gandeitos polas perdas derivadas do corte da subministración eléctrica (leite, carne, etc) e aos propietarios forestais que viron mermadas as  masas arbóreas. 

A incapacidade financieira dos concellos para facer fronte aos desperfectos leva tamén ao PPdeG a instar á Xunta a que asuma o 100% do custes das actuacións necesarias para repoñer o equipamento público deteriorado polos efectos do temporal, como as redes de abastecemento de auga e saneamento, recollida e tratamento de RSU, así como instalacións e equipamentos de lecer, reparación de vías de titularidade  municipal e custes extraordinarios derivados dos operativos realizados.

Simultáneamente, o PPdeG reclama unha liña de indemnización que complemente aos seguros existentes para afrontar os danos ocasionados en vehículos e embarcacións por mor do temporal.