Lugo, 26 de xaneiro de 2009.- O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe que unha das primeiras medidas que adoptará o seu futuro Goberno consistirá nun plan de choque para combatir a crise que castiga con especial dureza ao pequeno e mediano comercio galego. O anuncio foi efectuado no transcurso dunha reunión que mantivo hoxe en Lugo con representantes da Federación Galega de Comercio, cos que constatou os “terribles problemas” que poden derivarse dun peche masivo de establecementos, se non se consiguen atallar a tempo as serias dificultades ás que se enfronta o sector.
O Plan anticrise anunciado por Feijóo pivota sobre tres grandes medidas: poñer a disposición dos comerciantes produtos financieros acaídos, incluíndo unha liña específica de créditos blandos e flexibles; un programa para mellorar a cualificación profesional dos traballadores do comercio, incidindo en aspectos como técnicas de venda, trato ao ciliente, manexo das novas tecnoloxías e coñecemento de linguas estranxeiras para mellorar a atención e, polo tanto, incrementar as vendas aos turistas; e unha liña de axudas para a reforma dos establecementos e estender o uso de novas tecnoloxías para incrementar a competitividade dos pequenos e medianos establecementos.
O pequeno e mediano comercio posúe unha especial revelancia en Galicia, como queda en evidencia coa existencia de 45.000 comerciantes que xeran máis de 110.000 empregos e unha achega do 13% ao PIB da Comunidade.
O COMERCIO COMO FERRAMENTA PARA CREAR CIDADE.- Feijóo constatou tamén a elevada capacidade do comercio para xerar emprego, pero tamén como elemento esencial para a estructura urbana de vilas e cidades, e incluso para a atracción do turismo. Como exemplo, recordou a rehabilitación integral da Tinería, iniciada polo PPdeG, coa premisa de instalar comercios nos baixos dos edificios para consolidar a plena recuperación social e económica deste barrio lucense.
“O comercio é un activo que debe ser considerado por todas as Administracións no deseño e aplicación de todas as súas políticas”, subliñou Feijóo antes de debullar outras propostas recollidas no progama electoral do PPdeG e encamiñadas a apoiar o despegue deste sector.
Entre elas, destaca a aposta por novas fórmulas, como os centros comerciais abertos ou os eixes comerciais, a implantación de novas centrais de compras e o potenciamento das xa existentes, o impulso ás marcas de calidade ou o potenciamento dos mercados municipais.
Simultáneamente, o PPdeG aposta polo desenvolvemento das áreas comerciais urbanas, cunha especial atención aos cascos históricos e as zonas máis desfavorecidas, de xeito paralelo a un plan de apoio ao comercio rural, para mellorar as súas instalacións.
XUBILACIÓN ANTICIPADA.- Ademais, Feijóo comprometeu un plan de cese anticipado da actividade comercial que permita que os comerciantes autónomos que o desexen que podan xubilarse aos 60 anos. En materia de formación, crearanse dúas titulacións regradas: operador comercial e xerencia de negocio.
LISTAS. GALICIA PRECISA PROXECTO E XESTIÓN.- O candidatos á Xunta de Galicia presentou hoxe as listas do PP na provincia de Lugo e afirmou que Galicia necesita de proxecto e xestión e afirmou “o equipo que hoxe presento é un equipo que vai velar polos intereses de Lugo, da cidade e do resto de concellos.