Partido Popular de Lugo

O GPPP BUSCA O APOIO DA DEPUTACIÓN PARA AXUDAR AS PERSOAS QUE ESTÁN A PASAR PENALIDADES ECONÓMICAS

Lugo, a 24 de xaneiro de 2009.- O Grupo Provincial do Partido Popular levará unha moción ó vindeiro pleno da Deputación na que insta á administración provincial a que, a través dos seus Servizos Sociais, colabore económicamente con todas aquelas entidades que agora mesmo están a asumir a tarefa de axudar ás familias necesitadas de unha boa parte dos concellos da provincia de Lugo.  

Así, os populares consideran axeitado que a Deputación incremente a aportación económica que reciben os diferentes colectivos que asumen a prestación desta laboura asistencial.

Os populares consideran axeitado que, ante a crise económica que estamos a vivir e ante a evolución dos datos do paro, a administración provincial se implique e respalde ós que se atopan en peores condicións para afrontar esta situación.

O GPPP alerta dos datos demoledores cos que están a traballar as asociacións e colectivos implicados en axudar ás persoas que se atopan en risco de exclusión social e da mesmo se fixeron eco os propios medios de comunicación, situando nun 25% os lucenses que neste intre viven baixo o umbral da pobreza.

Así, segundo os datos recabados polos propios colectivos, a demanda de apoio por parte das persoas necesitadas incrementouse na cidade de Lugo durante o pasado ano entre un 30 e un 40 por cento. Quere esto dicir que ó redor de 25.000 lucenses viven por debaixo  do umbral da pobreza na cidade de Lugo, o que significa que 6.000 familias están a vivir neste intre de xeito precario. 

O perfil das persoas máis afectadas, segundo a información recollida polo GPPP, corresponde a homes que perderon o seu posto de traballo e que teñen serias dificultades para sacar adiante ás súas familias; mulleres con cargas familiares e mulleres de idade avanzada e con pensións moi baixas.