Partido Popular de Lugo

Feijóo presenta a renovación responsable conformada por “políticos e xestores da máxima garantía”

Santiago, 21 de xaneiro de 2009.-  Superar o escenario de recesión e desgoberno no que está inmersa a Comunidade Autónoma require, a partir do 1 de marzo, un “equipo de políticos e xestores de máxima garantía, capaces de afrontar o futuro que precisa Galicia e a laboura de renovación do Goberno” derivada do moito que o bipartito deixou sen facer nos últimos anos.

Son palabras do presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, esta mañá en Santiago, no primeiro día do prazo legal para a presentación das listas, durante a presentación das candidaturas coas que o PPdeG concorrerá ás vindeiras eleccións ao Parlamento de Galicia e que se caracterizan por presentar unha renovación responsable superior ao 50%.

Para Feijóo, as listas combinan o equilibrio consolidado con novas incorporacións que propician unha maior apertura do PPdeG ao conxunto da sociedade. Trátase dunha aposta polo “equibrio responsable na renovación” que combina elementos comúns a todos os integrantes desas candidaturas: “inconformismo, experiencia, capacidade de xestión, e traballo, traballo e traballo”.  

Continuismo ou renovación.- A xuízo de Feijóo, o vindeiro 1 de marzo, os votantes galegos terán opción de elixir entre o “continuismo do bipartito, que ofrece exactamente o mesmo que hai catro anos” e a “renovación que significa o PPdeG”, nun momento no que Galicia precisa un cambio de rumbo para mellor.

Nesta liña, Feijóo admitiu que tanto o PPdeG como o bipartito “tiñamos uns deberes que facer” durante os últimos catro anos. Así, recordou que  que, neste tempo, o bipartito se converteu nun exemplo de descoordinación e desgoberno, e multiplicou os erros cometidos no pasado, cunha ausencia de xestión que, entre outros efectos, está a provocar que máis de 600 galegos vaian ao paro cada día.

Mentres tanto, o PPdeG aproveitou este período para renovarse, elaborar un novo proxecto político e converterse en alternativa crible. “Fomos o motoir do Parlamento, configurándonos como alternativa crible; cada día estamos a presentar un proxecto político de longo percorrido para comezar a aplicar desde o día seguinte ás Eleccions; e, hoxe, na presentación destas listas, demostramos que, tal e como nos comprometemos hai tres anos, o PPdeG se renovou”.  

Renovación para gañar o futuro.- Para Feijóo, “esta renovación é a que hoxe nos sitúa o máis preto posible do futuro, que é o horizonte cara onde sempre debe mirar a xestión política”. O líder dos populares galegos incidou nesta idea ao asegurar que, como partido de Goberno, o PPdeG “non perderá o tempo falando do pasado, senón que buscará sempre novas e mellores oportunidades de futuro para todos os galegos”, e que se compromete a “dar a  Galicia unha solución a cada problema, e non un problema a cada solución”.

Con todo, o candidato á Presidencia da Xunta adiantou que o seu equipo xurde coa intención de estar, permanentemente, ao carón da xente e dos problemas da rúa. “Este equipo non vivirá ao calor dos seus despachos, senón que, necesariamente, asume que Galicia deberá crecer e iso só será posible cando se está preto dos galegos e dos seus problemas cotiás”.

Na súa intervención, o líder dos populares galegos tamén tivo palabras de agradecemento para os deputados que non repetirán nas candidaturas. “A renovación non sería posible sen a súa xenerosidade; e a súa experiencia seguirá a ser un dos maiores patrimonios deste partido”, polo que “botaremos man deles”.