Partido Popular de Lugo

HOXE HAI MÁS MARIÑÁNS QUE FALECERON Á ESPERA DE RECIBIR AS AXUDAS QUE LLES PERTENCEN POLA LEI DE DEPENDENCIA QUE BENEFICIARIOS RECIBÍNDOAS

A Mariña, 20 de xaneiro de 2008.- A aplicación dos dereitos e axudas contemplados na Lei de Dependencia segue a ser a gran asignatura pendente na Mariña lucense de tal xeito que hoxe hai máis veciños desta comarca que faleceron á espera de poder recibir as axudas da Lei de dependencia, tendo dereito a elas, que beneficiarios recibindo os correspondentes abonos. O devandito dato foi facilitado polo deputado do Partido Popular de Galicia (PPdeG) José Manuel Balseiro Orol no transcurso dunha rolda de prensa na que reclamou “respecto e dignidade” para as persoas dependentes que están a ver como a incompetencia do Goberno bipartito, enredado en adiantos electorais e intereses partidistas, está a poñer en perigo o desenvolvemento da Lei.

UN CENTENAR DE FALECIDOS.- O deputado do PPdeG na Mariña lucense explicou que a Xunta desistiu da tramitación dos expedientes de recoñecemento das axudas para preto dun centenar de mariñáns. O motivo principal desta baixa por causas sobrevidas foi precisamente a defunción da persoa que solicitaba a valoración do seu grado de dependencia ou, no seu caso, da persoa que xa tiña recoñecido o dereito a recibir a axuda. O número de expedientes iniciados nos distintos concellos da nosa comarca (incluído Riotorto) ascende a 1.540.

ENGANO MASIVO.- Para dar unha imaxe do que está a acontecer, Balseiro Orol emprega os datos relativos a seis concellos da nosa comarca. Serven como exemplo:  Cervo, Xove, Barreiros, Alfoz, O Vicedo e Ribadeo.  Segundo o cronograma de aplicación da Lei de Dependencia xa terían que estar atendidos os grandes dependentes (Grado III) e os dependentes de grado II (dependencia severa, nivel II). Lonxe desta realidade o certo é que tan só están a cobrar as súas axudas o 1% do total de mariñáns que iniciaron o seu expediente de recoñecemento de dependencia -7 de 577 persoas-. O dato é aínda máis desalentador se atendemos ás cifras de grandes dependentes: 18 dos 182 beneficiarios faleceron sen percibir as súas axudas, isto é preto dun 10% daquelas persoas que, por lei, tiñan dereito a recibilas.

SEN PRAZAS PARA DEPENDENTES EN BURELA.- Pero as carencias do desenvolvemento da nova Lei na nosa comarca non se limitan á falta de abono das axudas para aquelas persoas que lograron o recoñecemento do seu grado e nivel de dependencia, nin para os seus coidadores, senón que tamén afecta a outro tipo de servizos aos que da dereito esta nova lei: axuda no fogar, residencias e centros de dia. Malia os incontables anuncios da Vicepresidencia o certo é que non se procedeu á construción e apertura de nin un só centro de día na Mariña, polo que carecemos aínda destas infraestruturas de primeiro interese social a excepción do centro de día de Viveiro xestionado por Cruz Vermella. A maiores disto e, a pesar das obras que se desenvolveron na residencia da terceira idade de Burela esta segue a ser exclusiva para persoas válidas, -non ofrece prazas para persoas dependentes- e, incumprindo a súa promesa de abrila en decembro do ano pasado, a residencia de Viveiro non está operativa. As obras no centro sito en Burela non foron máis ca un “lavado de cara” e os dependentes da Mariña teñen que ser derivados a residencias alleas á rede pública ou a prazas concertadas en centros privados como o de Xove.

O BNG COMO OBSTÁCULO.- A aplicación da Lei de Dependencia na Mariña está a ser unha travesía chea de obstáculos na que o principal escollo é a falta de vontade política da Vicepresidencia da Xunta de Galicia. Os populares denuncian que desde esta área de Goberno de responsabilidade nacionalista se gastan máis cartos en propaganda e no aparato que ser organiza coas visitas de Quintana aos distintos concellos de Galicia, que en pagar as axudas que por dereito lle corresponden ás persoas dependentes. 

QUINTANA E TOURIÑO RESPONSABLES.- Balseiro Orol sinala que nesta historia de “falsas expectativas e intentos de manipulación” dos dependentes galegos só hai dous máximos responsables: o señor Anxo Quintana e o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño.  

«O señor Quintana –lembra- por que é o promotor inicial do engano masivo, xogando, desde un principio, a ocultar e a maquillar os datos do grao de aplicación da lei, creando falsas esperanzas a centos de familias; e o presidente da Xunta, xefe do Executivo autonómico, polo seu nulo peso político á hora de mediar co seu goberno amigo de Madrid”.

Para o deputado popular pola Mariña a actitude do BNG e do PSdeG está a lastrar, aínda máis, o desenvolvemento da lei na nosa comarca, que xa acumula unha notable demora, que sitúa a Galicia en postos de cola en comparación co conxunto do Estado. 

PRÁCTICA PERVERSA: FALSAS EXPECTATIVAS.- Balseiro Orol considera que as falsas expectativas levantadas ata o de agora pola Xunta e polo Goberno central en relación con prometidas prestacións para os dependentes e as súas familias, “que non están a recibir as axudas que por dereito lles corresponden a medio prazo como consecuencia da carencia dos medios económicos”, constitúe unha práctica perversa, máis ca censurable.