Partido Popular de Lugo

O PPdeG renova o 100% dos seus cabezas de lista para as autonómicas cun ‘compromiso coa Galicia rural e urbana e a xestión económica’

Santiago, 16 de xaneiro de 2009.- O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo presentou, hoxe, a Carlos Negreira, Raquel Arias e Luis Carrera como cabezas de lista para as próximas autonómicas polas provincias de A Coruña, Lugo e Ourense respectivamente. Uns cabezas de lista que, segundo explicou o presidente dos populares galegos, supoñen, cunha renovación do 100%, ‘un compromiso coa Galicia rural e urbana e a xestión económica’.

Para Feijóo, estes candidatos supoñen a implicación da sociedade civil no proxecto do Partido Popular. ‘O PPdeG –dixo- parte a estas eleccións coa vantaxe de ter acertado nos seus cabezas de lista, xa que son reflexo do noso proxecto: o compromiso do partido coa Galicia rural e urbana e a xestión económica; e o compromiso de mellorar  avida dos galegos, vivan onde vivan’.

Estes tres candidatos supoñen, amais, o primeiro paso na confección do equipo que debe liderar e xestionar os intereses dos galegos durante os próximos catro anos, ‘xa que estas candidaturas –aseverou, o presidente do PPdeG- supoñen renovación acreditada, xestión acreditada e son unha garantía  para Galicia fronte a crise. Non son unha aposta, son, en momentos de inestabilidade, un valor seguro para Galicia’.

CARLOS NEGREIRA.- no tocante ao cabeza de lista pola provincia de A Coruña, o presidente do PPdeG asegurou que é un valor emerxente do partido, cunha gran capacidade de xestión e, ‘hoxe por hoxe, unha revelación política en Galicia’.

Así mesmo, lembrou que, como director xeral de estratexia e desenvolvemento internacional de Correos, Carlos Negreira soubo participar da xestión dunha crise e saír crecendo dela; e como candidato do PP da Coruña, conseguiu derribar unha maioría de Paco Vázquez.

Para Feijóo, o cabeza de lista pola provincia de A Coruña represeta ‘o compromiso do PPdeG pola Galicia urbana e pola proxección de Galicia ao exterior’.

RAQUEL ARIAS.- a cabeza de lista pola provincia de Lugo -alcaldesa do concello de Sober e deputada nacional- é, segundo o presidente do PPdeG, ‘o compromiso do partido coa Galicia rural, coa Galicia dos pequenos concellos e coa Galicia das aldeas’.

‘O noso proxecto –subliñou- concibe Galicia como un espazo único, onde calquera cidadán importa, sexa de onde sexa, é con este nomeamento, quixemos traer á primeira liña política galega aos pequenos concellos de Galicia’.

Amais da súa brillante xestión como alcaldesa de Sober, Feijóo quixo destacar o compromiso de Raquel Arias co proxecto do PPdeG, ‘porque que a súa presencia, hoxe, aquí, -dixo- supón a xenerosidade da súa renuncia ao seu posto como deputada nacional e á súa responsabilidade como alcaldesa’.

LUIS CARRERA.- do candidato número un pola provincia de Ourense, o líder dos populares galegos lembrou a súa recoñecida xestión coma Director Xeral de Caixa Ourense primeiro, e coma Director Xeral adxunto de Caixanova, despois; e afirmou que ‘representa o compromiso do PPdeG coa xestión económica’.

‘Luis Carrera –subliñou- representa a implicación da sociedade, alonxada da política, no proxecto do PPdeG e será un dos novos membros que reforzarán o equipo económico do partido’.

Feijóo asegurou que o seu perfil económico e de xestión é o máis axeitado para os momentos que está a pasar Galicia, tan ausentes de xestión e de estratexia económica.