Partido Popular de Lugo

O bipartito converte o consorcio do benestar no brazo político e laboral do BNG

Santiago, 8 de xaneiro de 2008.- A vicesecretaria xeral do PPdeG, Susana Lopez Abella, considera que proceso de selección de persoal do Consorcio Galego do Benestar, dependente da Vicepresidencia do Benestar, certifica que o BNG está a utIlizar este órgano como o seu particular brazo político e laboral na procura de réditos electorais no curto e medio prazo.

A ausencia das mínimas garantías de transparencia para que a selección do persoal do Consorcio se poda efectuar respectando os principios de igualdade, mérito e capacidade confirma a veracidade das denuncias que o PPdeG leva efectuando desde o comezo da actual lexislatura.

As críticas vertidas polo sindicato CC.OO súmanse ás reiteradas chamadas de atención efectuadas desde o PPdeG para advertir que o BNG está a primar criterios políticos para a contratación do persoal do Consorcio, como fai tamén cos restantes chiringuitos que xestiona, como Seaga, e outros.   

O BNG NON QUERE TESTEMUÑAS INCÓMODAS DAS SÚAS TROPELÍAS.- Deste xeito, a política laboral desenvolvida polos departamentos autonómicos xestionados pola ala nacionalista pivotan sobre procesos de seleccións amañados para favorecer aos candidatos afíns aos BNG e mesmo sobre intentos de manipulación das eleccións sindicais –como sucedeu na pasada primavera no Consorcio- nunha estratexia encamiñada a evitar testemuñas incómodas das tropelías administrativas cometidas.

Así as cousas, a vicesecretaria xeral do PPdeG considera que o BNG está utilizar o Consorcio do Benestar como un  instrumento co que aleccionar as conciencias dos nenos escolarizados nas garderías infantís que xestiona, e das persoas maiores atendidas nos centros da terceira idade asignados a ese ente público.

TOURIÑO, CÓMPLICE POR OMISIÓN.- Neste escenario, López Abella considera que o presidente da ala socialista da Xunta, Emilio Pérez Touriño é cómplice, por omisión, dos atropelos cometidos polos seus socios nacionalistas na xestión do Consorcio e esíxelle un pronunciamento público sobre esta sucesión de  anomalías. “¿Son as manipulacións e tropelías cometidas no Consorcio un exemplo da transparencia da que alardea Touriño nos discursos oficiais”, pregunta a vicesecretaria xeral dos populares galegos.