Quiroga, 29 decembro de 2008.- O presidente do Partido Popular de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, citou o “reequilibrio territorial” como un dos principais obxectivos do seu partido de cara a un goberno popular na Xunta de Galicia a partir do vindeiro 1 de marzo.
Feijóo –que proseguiu en Quiroga o seu percorrido polos concellos de Galicia- apuntou que as diferencias entre o interior e as provincias costeiras víronse incrementadas notablemente nos últimos catro anos. Deste xeito os contrastes de renda entre os cidadáns de Lugo e Ourense con respecto á Coruña e Pontevedra disparáronse na última lexislatura o que, para Feijóo, é unha proba de que Galicia precisa con urxencia “políticas que recuperen a igualdade entre as catro provincias”.
O presidente do PPdeG falou tamén dos efectos da crise económica nos concellos do sur da provincia. En Quiroga –onde de catro empresas pizarreiras pecharon dúas- máis de 200 persoas ingresaron nas listas do paro a consecuencia do parón na construcción. Como medidas para frear a situación, Feijóo apostou pola procura de alternativas á pizarra e pola ampliación do solo industrial. Así, declarou que hai tres concellos do interior que levan catro anos esperando pola apertura dun polígono industrial no ámbito municipal e dous pola ampliación dos existentes. Mentres, en Monforte de Lemos, o Porto Seco tamén continúa paralizado.
VETEBRAR O TERRITORIO.- Núñez Feijóo aludiu á vertebración do territorio como unha das condicións indispensables para “facelo competitivo”. Deste xeito lembrou que o bipartito “non cumpriu a súa palabra” no que se refire a conexión interior e exterior da provincia de Lugo. Así –citou- as estradas entre Monforte, Sarria e Lugo están sen facer, ao igual que Quiroga, O Caurel ou a circunvalación de Monforte e a súa zona urbana.
O abastecemento dos concellos presenta a mesma situación e nos últimos catro anos non se rexistraron obras de este tipo nos sete concellos do sur de Lugo. Xa no que se refire aos servicios sociais, Feijóo definiu a Lei de Dependencia como unha “gran decepción” xa que “milleiros de persoas con dereito a estas axudas non as perciben”. Como exemplo, o presidente galego comentou que en Sober, das 100 solicitudes realizadas, tan só se atenderon 7.
De igual xeito, Núñez Feijóo criticou que os veciños de Monforte continúen agardando polas dúas residencias de maiores comprometidas polo bipartito , os veciños de Ribas do Sil por un centro de día e os de O Saviñao por un Centro de Saúde. Feijóo rematou a súa visita aclarando que “queda moito traballo por facer” xa que o sur de Lugo “non estivo na axenda do bipartito nestes catro anos”.