Partido Popular de Lugo

O PPdeG INSTA Á XUNTA A ABOAR DE INMEDIATO AS AXUDAS POLA VEDA DA ANCHOA CORRESPONDENTES AO ANO 2008

Santiago, 27 de decembro de 2008.- O PPdeG insta á Xunta de Galicia a aboar, con carácter inmediato, as axudas pola veda da anchoa correspondentes ao exercicio de 2008, e que tanto o Goberno autonómico como o central continúan sen transferir aos afectados, cando só restan catro días para que remate o ano.

José  Manuel Balserio, portavoz de Pesca do Grupo Popular, recorda que tanto en 2006 como en 2007, os mariñeiros galegos afectados polo peche dos caladoiros da anchoa percibiron as axudas que lles correspondían durante o ano natural. Sen embargo, en 2008 semella terse rexistrado algún problema burocrático que impide aos afectados cobrar a subvención que lles corresponde, cifrada nuns 3.000 euros por mariñeiro: 1.200 de fondos da Xunta de Galicia e 1.800 do Goberno central.

Noutras Comunidades, como en Cantabria, o Goberno autonómico xa ten abonado a dita subvención, adiantando incluso con fondos propios a parte das axudas correspondente á Administración central, como acredita unha certificación expedida polo  patrón maior da confraría de pescadores de Santoña e presidente da Federación de Confrarías de Pescadores de Cantabria (axúntase copia).    

INEPTITUDE ADMINISTRATIVA DO BIPARTITO.- En Galicia, os afectados por esta demora nos pagamentos, que Balseiro atribúe á ineptitude administrativa do equipo directivo da Consellería de Pesca, son arredor de 500 mariñeiros, a maior parte dos cales teñen a súa base de operacións en Portosín.

Ante a situación creada, o PPdeG esixe que a Consellería de Pesca efectúe os pagamentos de xeito inmediato, adiantando os fondos da Administración central, como fixo Cantabria, para que os mariñeiros poden cobrar cando antes, e nun único pagamento, a subvención que lles corresponde.