Santiago, 23 de decembro de 2008.- O vertedoiro privado ao que Sogama está a enviar os residuos excedentes da planta de Nostián (A Coruña) podería presentar carencias legais para desenvolver este tipo de actividades, na medida en que a autorización inicial dese recinto só contempla o depósito de residuos inertes, xeralmente moito menos tóxicos que os residuos sólidos urbanos. Os primeiros non adoitan xerar lixiviados tóxicos, como sucede cos segundos.
O PPdeG recorda, ademais, que as necesidades de illamento e impermeabilización do solo son diferentes en función dos residuos a tratar no vertedoiro. Como inicialmente se depositaban só residuos inertes, a impermeabilización colocada nun primeiro momento podería resultar insuficiente para evitar que os elementos tóxicos dos RSU que se enterran agora acaben filtrándose aos terreos colindantes, afecten ás capas freáticas ou alcancen os regatos da zona.
Jaime Castiñeira, voceiro de Medio Ambiente do Grupo Popular, insiste na necesidade de que tanto Sogama como a propia Xunta de Galicia ofrezan as explicacións oportunas, tanto no referido á protección do contorno natural da Areosa, como no relacionado coas carencias legais do vertedoiro ao que se derivan os excedentes de Nostián.
Recorda o PPdeG que a raíz dos vertidos tóxicos efectuados desde o vertedoiro de Sogama ao río Lengüelle que están a ser investigados por un xugado da Coruña xa están imputadas sete persoas.
E denuncia, simultáneamente, que o presidente de Sogama adxudicou á empresa privada que xestiona un dos dous vertedoiros da Areosa (o outro é de titularidade pública) o amoreamento dos residuos procedentes de Nostián. Sen embargo, enterrar unha tonelada de RSU no vertedoiro privado custa ás arcas públicas o dobre que facelo no vertedoiro de titularidade pública: os dous vertedoiros están situados un ao carón do outro e son xestionados pola mesma empresa, polo que non se aprecian elementos que podan xustificar tal diferencia económica.
Tan só no último ano, esa empresa ten facturado a Sogama arredor de catro millóns de euros a cambio de tratar no seu vertedoiro privado os excedentes de lixo procedente de Nostián. Ese traballo foi adxudicado “a dedo” polo presidente de Sogama.