Partido Popular de Lugo

A XUNTA COACCIONA AOS PESQUEIROS QUE RESPECTAN O CUPO DE CAPTURAS DE XURELO MENTRES PERMITE DESCARGAR IMPUNEMENTE AOS QUE VULNERAN A NORMATIVA

Santiago, 23 de decembro de 2008.- O mundo ao revés. En lugar de investigar aos barcos que presuntamente superan os topes diarios establecidos para a captura de xurelo, a Xunta de Galicia coacciona con inspeccións arbitrarias aos patróns que teñen denunciado esas anomalías ante o Servizo de Gardacostas de Galicia. 

José Manuel Balseiro, portavoz de Pesca do Grupo Popular, recorda que a normativa autonómica en vigor fixa un tope máximo de descarga en porto de 6.500 quilogramos diarios de xurelo para os barcos do cerco (maioría) e de 4.000 kg para os do arrastre (un número inferior de embarcacións) que se dedican en Galicia á captura deste peixe.

Segundo o propio sector, a inmensa maioría dos barcos respectan escrupulosamente os topes de captura fixados desde o ano 2007, pero unha mionoría deles, arredor dun 20%, descarga en porto un volume superior de peixe, o que supón unha sobreexplotación dos caladoiros, ademais de provocar unha caída dos prezos por exceso de producto no mercado.

Cometida esta irregularidade, algúns patróns denunciaron esta vulneración da normativa ante a sala de control dos Gardacostas de Galicia. Para a súa sorpresa, en lugar de inspeccionar aos infractores, os servizos de inspección da Consellería de Pesca, dedicáronse e revisar as descargas dos barcos dos denunciantes.

XA HAI ANTECEDENTES DE MÁIS ARBITRARIEDADES.- Balseiro recorda que feitos semellantes xa tiveron lugar a comezos da actual lexislatura, cando os profesionais do sector que denunciaron a existencia de barcos que utilizaban explosivos para faenar foron perseguidos polo persoal dos Gardacostas a instancias dos cargos políticos da Consellería de Pesca.

Neste contexto, Balserio Orol insta á Consllería de Pesca extremar a vixilancia para facer cumprir a normativa autonómica que regula os topes de descarga de xurelo nos portos galegos.

En caso contrario, Pesca debe derogar a norma e ampliar os topes de captura establecidos. A norma autonómica que regula esta materia esgota a súa vixencia o vindeiro 31 de decebro, data na que deberá ser renovada pola Consellería de Pesca.