Lugo, a 20 de decembro de 2008.- O Presidente do Partido Popular de Lugo José Manuel Barreiro, xunto co Secretario xeral da formación, José Manuel Balseiro, mantivo unha xuntanza en Lugo cos alcaldes e voceiros municipais da provincia para perfilar a preparación da vindeira campaña electoral autonómica.
Nesta reunión de traballo, que se enmarca dentro dos contactos que se estiveron mantendo en distintos puntos da provincia nas últimas semanas pero que é a primeira que se convoca tras coñecer a data definitiva na que se celebrarán os comicios, principiou a perfilarse un calendario de xuntanzas por municipios e cabeceiras de comarca e baraxáronse distintas propostas relativas á celebración de encontros con sectores significativos dos máis diversos ámbitos para coñecer de primeira man as súas inquedanzas. Púxose especial énfase naqueles sectores sociais ou productivos ós que máis está a golpear a crise económica.
A análise dos malos resultados económicos das últimas semanas e sobre todo o alarmante incremento do paro na provincia de Lugo centraron, de feito, boa parte da reunión.
Implicar ás bases do partido no próximo proceso electoral é un dos principais obxectivos que se marca o Partido Popular de Lugo, e non só para acadar unha movilización masiva dos afiliados e simpatizantes, senón para que participen activamente en todo o proceso que conleva unha cita electoral, presentando todas as propostas que consideren oportunas, e colaboren no diseño e organización dos propios actos de campaña.
Outro dos obxectivos que centrarán a actividade dos populares lucenses será a de facer chegar a todos os emigrantes as súas propostas e así tentar convencelos de que o PP é a mellor alternativa para gobernar Galicia.