Santiago, 18 de decembro de 2008.- Os deputados do PSOE e do BNG impediron, no Debate final da Lei de Orzamentos da Xunta de Galicia de 2009, que prosperase ningunha das 31 emendas de carácter local formuladas polo PPdeG para desbloquear a execución de proxectos paralizados no Partido Xudicial de Chantada como a construción dunha Residencia en Chantada, as piscinas abertas no municipio ou a Modificación do trazado e acondicionamento da estrada Palas-Taboada- Rubián, así como os axeitados enlaces o Polígono de Chantada.
A deputada popular Susana López Abella lamenta a actitude amosada por socialistas e nacionalistas que, unha vez máis no que vai de lexislatura, aplicaron o rodillo parlamentario para rexeitar todas e cada unha das emendas presentadas polos populares galegos durante a tramitación na Cámara das contas públicas autonómicas do ano próximo.
Para a deputada chantadina, a razón desa actitude tamén hai que buscala nos responsables locais do PSOE e do BNG, que non quixeron ou non puideron mudar o criterio dos deputados dos seus respectivos grupos parlamentarios en Santiago para conseguir o financiamento necesario, reclamado polo PPdeG, para executar proxectos longamente agardados en concellos como Chantada, Taboada, Carballedo, Palas de Rei, Monterroso, Portomarín e Antas de Ulla.
As emendas do PPdeG buscaban conseguir os cartos necesarios para materializar iniciativas como a mellor vertebración en infraestruturas desta zona interior de Lugo, como verdadeiro eixe do reequilibrio territorial, a construción dun centro multiusos ou a Estación Depuradora.
PRESUPOSTOS QUE CONSEGRAN O DERROCHE E A FALTA DE COMPROMISO DE TOURIÑO E QUÍNTANA.- “O presidente da Xunta só veu á nosa zona en campaña electoral. ¿Atreverase agora o candidato do PSOE a volver a Chantada a prometer o que non fixo na zona en catro anos?”, pregunta López Abella.
PSOE e BNG optaron por apoiar unhas contas opacas, que non clarifican o destino de boa parte das partidas presupostarias e consagran o derroche de fondos públicos do que ten feito gala o bipartito de Touriño e Quintana ao longo desta lexislatura.
“Non haberá cartos para aplicar a lei da dependencia, pero esta Xunta derróchaos a mans cheas en mercar coches de luxo, reformar e equipar despachos suntuosos e organizar festas electorais ao servizo dos intereses partidistas dos candidatos Quintana e Touriño”, conclúe López Abella.