Partido Popular de Lugo

O GPPP AFIRMA QUE AS CONSECUENCIAS DAS NEVARADAS EVIDENCIAN O CAOS POLÍTICO NO QUE ESTÁ SUMIDA A DEPUTACIÓN

Lugo, a 17 de decembro de 2008.- O GPPP asegurou hoxe que as nevaradas dos últimos dez días evidenciaron o caos político e a improvisación que preside o funcionamento da Deputación Provincial de Lugo.

Os populares aseguraron que os medios cos que conta a administración provincial usáronse sen ningún tipo de coordinación; que non se priorizou en ningún momento o seu ámbito de actuación; e que non se contou cos vixiantes e capataces da rede viaria provincial, o que provocou que aldeas e mesmo cabeceiras de concello, principalmente nas zonas de montaña, permaneceran incomunicadas durante horas en dúas ocasións durante os últimos dez días.

Ante esta clara improvisación, dende o GPPP pregúntanse se alguén na Deputación se molestará en consultar a web de Meteogalicia ou ver os partes do tempo dos diferentes informativos, porque, na súa opinión, con só dispoñer desa información é lóxico pensar que os responsables do ente provincial adoptarían as medias oportunadas para evitar que o que pasou chegara a pasar. 

Consideran ademais que algunhas declaración realizadas por algúns cargos políticos evitan culpar ó único culpable de todo este desaguisado, que non é outro que o Sr. Gómez Besteiro. Un exemplo poden ser as manifestacións realizadas polo propio rexidor de Pedrafita, un dos concellos máis afectados polos problemas causados pola neve, quen aludiu repetidamente a escasez de medios empregados na limpeza das estradas de competencia provincial. 

Por esta razón o GPPP prevé un inverno duro, difícil, e de moito traballo para o responsable da área de Vías e Obras, o Sr. Martínez.  

Así, segundo indicaron dende o GPPP, pasouse un ano marcando baches con sprai, e en dez días, entre a neve e o xeo, foise a pintura, polo que terá que voltar a empezar. Eso si, mentres se repiten eses traballos de marcación, aínda está sen adxudicar o mantemento da rede viaria provincial pese a que xa caeu moita neve e queda prácticamente todo o inverno por diante.

Lembranlle tamén os populares ó Sr. Martínez que a partida adicada á rede provincial nos orzamentos da Deputación de 2008 é a mesma que a establecida nos correspondentes ó 2007, é dicir, once millóns de euros.

Con respecto á etapa de goberno do Partido Popular na administración provincial, existe unha diferencia moi sustancial, xa que con cargo a esa partida procedíase a executar reparacións importantes nas estradas da rede provincial, algo que non acontece agora.

Suliñan asimesmo dende o GPPP que este ano adícase á vialidade invernal só o 15 por cento dos once millóns adicados ó total da rede provincial.

É un exemplo claro, aínda que non o único, desta situación é que na zona 12, na que se engloban os concellos de O Páramo, Portomarín Sarria, Paradela e O Saviñao, o orzamento de execución material para o capítulo de vialidade invernal e incidencias é de 79.815,26 euros de un total de 600.000 euros. Razón que leva ós populares a preguntarse onde está o incremento presupuestario do que tanto alardea o Sr. Martinez nas súas declaracións públicas.