Santiago, 4 de decembro de 2008.- O presidente da Xunta consolidouse, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta de onte, como un acreditado mentireiro, ao ocultar as verdadeiras razóns do cese do director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, Joaquín Buergo del Río.
Máis aló dos motivos argumentados por Touriño, é o certo que Buergo del Río se vai incorporar á Delegación da Xunta de Montevideo, que xa leva un par de semanas funcionando como unha auténtica oficina electoral ao servizo exclusivo dos intereses políticos dos socialistas.
Mentres Touriño se nega a implantar o voto en urna na emigración e rexeita garantías mínimas de transparencia, como a proposta do PPdeG de axuntar fotocopia do pasaporte ou do DNI no sobre do voto, a Xunta segue destinando fondos e funcionarios públicos á campaña electoral do PSOE na diáspora.
Non obstante tampouco debe minusvalorarse a segunda das razóns de fondo que se agochan detrás do cese aprobado onte. O voceiro de Medio Ambiente do Grupo Popular, Jaime Castiñeira Broz, recorda que o director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental –responsable da xestión das competencias en materia de residuos- é unha testemuña incómoda da sucesión de irregularidades cometidas polo presidente de Sogama, co amparo e patrocinio do conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez.
Por iso, o PPdeG entende que detrás do cesamento aprobado hoxe se agoche unha manobra do conselleiro de Medio Ambiente para desprenderse dunha testemuña incómoda que dispón de información comprometedora para Manuel Vázquez.
SOGAMA AEMAZA AS ASPIRACIÓNS DE MANUEL VÁZQUEZ.- Castiñeira Broz recorda que a sucesión de anomalías perpetradas polo presidente de Sogama con pleno coñecemento do conselleiro de Medio Ambiente –vertidos tóxicos continuados so río Lengüelle, adxudicación irregular, a dedo, dun contrato de 19 millóns de euros, derroche en coches oficiais e novas oficinas- ameaza con empañar as aspiracións políticas de Manuel Vázquez, que se considera máis capacitado que Touriño para desempeñar a Presidencia da Xunta.
Recorda o PPdeG que a adxudicación irregular do contrato de 19 millóns de euros para a automatización da planta de Sogama xa provocou a dimisión do conselleiro delegado da empresa, desconforme co xeito de actuar do presidente da compañía pública.