Partido Popular de Lugo

O PPdeG CONSTATA QUE “OS QUE SE ACHEGAN AO CONSELLEIRO DE MEDIO AMBIENTE CORREN O RISCO DE ACABAR IMPUTADOS”

Santiago, 3 de decembro de 2009.- “Todos os que se achegan ao conselleiro de Medio Ambiente corren o risco de acabar imputados”, asegurou hoxe no Parlamento o voceiro desta área do Grupo Popular, Jaime Castiñeira, logo de constatar que aos dous altos cargos de Augas de Galicia, imputados pola mortandade masiva de peixes no encoro da Fervenza, se sumou a recente imputación de sete cargos da empresa que xestiona, por encargo de Sogama, o vertedoiro  de residuos da Areosa, en Cerceda.

Jaime Castiñeira efectuou esta apreciación ao interpelar ao conselleiro de Medio Ambiente en relación cos vertidos de lixiviados tóxicos efectuados desde o vertedoiro da Areosa ao río Lengüelle, (afluente do Tambre), que acabaron provocando unha elevada mortantade de troitas no coto de Boicalvo, entre outros efectos adversos sobre o ecosistema da zona.

O deputado popular recordou que o  tempo pon a cada un no seu sitio, como acreditan as imputacións polo vertido da Areosa, ás que o conselleiro de Medio Ambiente negou toda credibilidade cando Jaime Castiñeira, no Pleno do pasado 30 setembro, o advertiu de que Sogama estaba a efectuar un vertido grave no Lengüelle.

MEDIO AMBIENTE OLE MAL E CHEIRA A CORRUPTELAS.- Con todo, Jaime Castiñeira agregou que as anomalías consentidas e apadriñadas por Manuel Vázquez non rematan no vertedoiro da Areosa. “A Consellería de Medio ambiente ole mal e cheira a corruptelas”, afirmou Castiñeira en referencia á sucesión de irregularidades cometidas polo presidente de Sogama, ao que apadriña o conselleiro, que é coñecedor e consentidor de todas elas.

Recordou o deputado popular a adxudicación irregular, efectuada polo presidente de Sogama, dun contrato por valor de 19 millóns de euros para a planta de automatización do complexo ambiental de Cerceda, en contra do criterio da mesa de contratación, dos técnicos da empresa e dos de Ecoembes, que nos seus respectivos informes advertían dos problemas que xa se están a rexistrar a día de hoxe. Estas anomalías acabaron provocando a dimisión do conselleiro delegado de Sogama, en sinal de disconformidade coas decisións arbitrarias adoptadas polo presidente.

Ao interpelar ao conselleiro, o voceiro de Medio Ambiente do Grupo Popular instouno a explicar a intermediación desenvolvida por Sogama entre a empresa que xestiona a planta de Nostián (A Coruña) e a titular do vertedoiro de inertes da Areosa no que se están a enterrar toneladas de residuos sólidos  urbanos procedentes da Coruña, a pesar de que tal depósito non está acondicionado para recibir residuos deste tipo.

Nese monte de Cerceda conviven dous vertedoiros diferentes, un de residuos inertes, de titularidade privada, e o de Sogama, de titularidade pública, pero que xestiona, por delegación, a mesma empresa que o fai no primeiro. Por cada tonelada de RSU depositados no vertedoiro privado, a empresa recibe de Nostián, coa intermediación de Sogama, unha cifra de 36 euros. Pola contra, o vertedoiro público só percibe 14€/tonelada. A día de hoxe, o vertedoiro privado  ten percibido preto de 5 millóns de euros por enterrar o lixo procedente da Coruñá e a súa área metropolitana.

Ademais, o PPdeG instou ao conselleiro de Medio Ambiente a que explique por qué Sogama paga os custes dos traballadores de Danigal (a empresa privada que xestiona o vertedoiro), por medio de Ecoembes, cun importe mensual de arredor de 100.000 euros. Os pagamentos articúlanse a través dun convenio que non fixa contraprestación algunha para Sogama, a pesar de que se trata dunha empresa pública que se rexe pola normativa das Administracións públicas.

OUTRAS IRREGULARIDADES APADRIÑADAS POLO CONSELLEIRO.- De igual xeito, mentres se producían os vertidos que acabaron provocando a imputación de 7 persoas, o presidente de Sogama –apadriñado polo conselleiro de Medio Ambiente- dedicouse a disfrutar do luxo e do derroche con cartos públicos e destinou 122.000 euros ao arrendamento de vehículos oficiais; e máis de medio millóns de euros ao acondicionamento nas novas oficinas de empresa, en Santiago, a 40 quilómetros de Cerceda, para escapar do cheiro da planta, que sí sofren os veciños da zona. Tan só a cadeira de despacho do presidente de Sogama custa 3.000 euros.  

ADXUDICACIÓNS A DEDO.- Castiñeira Broz recordoulle ao conselleiro que preto do 40% do capítulo de investimentos de Medio Ambiente destina a obras de emerxencias, para efectuar adxudicacións directas, a dedo; e que aínda non xustificou un desembolso de 5 millóns de euros para a posta en marcha dunha planta de tratamento de neumáticos nas Somozas. O elevado importe destinado a esta iniciativa faría necesario un concurso público, pero o conselleiro preferiu unha adxudicación a dedo, servíndose dun convenio de colaboración.