Partido Popular de Lugo

MEDIO AMBIENTE OCULTOU DURANTE 24 HORAS O VERTIDO AO RÍO TOXA E CONTINÚA SEN EFECTUAR ANALISES TOXICOLÓXICAS PARA COÑECER O PERIGO REAL

Santiago, 2 de decembro de 2008.- A Consellería de Medio Ambiente ocultou, durante polo menos 24 horas o vertido de aditivos de formigón ao río Toxa, que se produciu na tarde-noite do xoves día 20 de novembro, e non a última hora do día 21 como se asegurou oficialmente nos primeiros momentos, segundo información á que tivo acceso o PPdeG.

Este feito, unido a que a Consellería de Medio Ambiente non efectuase notificación algunha ao alcalde de Vila de Cruces ata o sábado pola tarde para cortar a subministración de auga á parroquia de Merza, que se abastece do río Toxa, leva ao PPdeG a sospeitar que os veciños puideron estar sometidos a riscos que a Xunta trata de ocultar. 

Ademais, o PPdeG ten constancia de que a Consellería de Medio Ambiente está a ignorar un informe interno que recomenda efectuar analíticas toxicolóxicas para coñecer o perigo real dos aditivos que foron parar ao río, e cuia composición real continúa sen coñecerse.  

MEDIO AMBIENTE ORDENOU BOTAR TERRA.- Do mesmo xeito, as neglixencias de Medio Ambiene non rematan aí xa que, en lugar de retirar o material contaminado a través dun xestor autorizado de residuos, como indican os protocolos ante episodios deste tipo, a Consellería que dirixe Manuel Vázquez ordenou tapar con terra toda a zona afectada, co que o material vertido se está filtrando ao contorno e presenta un risco real de chegar ás capas freáticas, coa conseguinte contaminación dos acuíferos. 

O voceiro de Medio Ambiente do Grupo Popular, Jaime Castiñeira,  rexistrou esta mesma tarde unha iniciativa parlamentaria na que reclama copia de todos os informes elaborados ata o de agora polos técnicos de Augas de Galicia e de Saúde Pública e dos partes de retiradas dos residuos contaminantes, se é que esa operación chegou a poñerse en marcha.