Partido Popular de Lugo

MEDIO AMBIENTE SEGUE DE BRAZOS CRUZADOS 11 DÍAS DESPOIS DO VERTIDO AO RÍO TOXA, MENTRES OS VECIÑOS DE MERZA SEGUEN SEN ABASTECEMENTO DE AUGA

Santiago, 2 de decembro de 2008.- Onde días despois do vertido  de aditivos utilizados para a elaboración do formigón das obras do ave que foron parar ao río Toxa o pasado 21 de novembro, a Consellería de Medio Ambiente continúa de brazos cruzados, mentres os veciños da parroquia de Merza (Vila de Cruces) carecen de abastecemento de auga potable, que lles é subministrada desde entón mediante camións cisterna.

A pesar do tempo transcorrido, e que Medio Ambiente afirmou inicialmente que o vertido non revestía perigo para a poboación, Augas de Galicia continúa sen facilitar a Sanidade as analíticas que acreditan a potabilidade da auga do río Toxa. Mentres non se efectúen esas analíticas que acrediten a potabilidade, o abastecemento de auga non pode reestablecerse coas debidas garantías. 

O voceiro de Medio Ambiente do Grupo Popular, Jaime Castiñeira, sospeita que detrás deste retraso, e ante a falta de explicacións oficiais convincentes, cabe a posibilidade de que o vertido ao río Toxa puidese ser máis tóxico que o recoñecido inicialmente. 

Ante esta sucesión de dúbidas e incerteza, o PPdeG esixe á Consellería de Medio Ambiente que faga públicos os resultados das analíticas efectuadas ata o de agora na auga que flúe polo río Toxa e explique as verdadeiras razóns que impiden poñer en servizo a rede de abastecemento de auga potable a Merza.