Santiago, 30 de novembro de 2008.- A voceira de Igualdade do Grupo Parlamentario Popular, Susana López Abella, defenderá no Pleno do Parlamento que se inicia o vindeiro martes unha proposición non de lei para instar ao Bipartito a asumir como propias e incluír nos diferentes plans de saúde que xestiona o Sergas as recentes propostas de actuación que para, para o ámbito sanitario, vén de efectuar o Observatorio Estatal da Violencia sobre a Muller.
En concreto, a iniciativa popular, asinada polos deputados Susana López Abella, Miguel Santalices e Marta Rodríguez Arias, busca un acordo unánime do Parlamento que inste á Xunta a incluír a violencia de xénero en todos os plans de saúde e carteiras de servizos do Servizo Galego de Saúde, tanto no ámbito da atención primaria, como no da especializada, especialmente nas áreas de Saúde Mental, Xinecoloxía e Obstetricia.
De xeito complementario, os populares galegos reclaman a posta en marcha de plans de formación sobre violencia de xénero dirixidos aos profesionais da sanidade pública e a implantación dun protocolo común que fixe as pautas de atención do persoal sanitario ás vítimas destas agresións.
Para mellorar ao coñecemento do impacto real desta lacra, o PPdeG tamén propón incorporar aos rexistros de mortalidade da Comunidade Autónoma todos os casos de feminicidios, contando para iso coa colaboración dos servizos de medicina legal e forense.
Susana López Abella aproveitará a súa intervención parlamentaria para facer un chamamento á responsabilidade de PSOE e BNG, exhortándoos a evitar que se volvan repetir feitos como a recente campaña promovida polo Concello da Coruña e a Deputación Provincial na que se vinculaba violencia de xénero e lingua, banalizando unha lacra que, no que vai de ano, ten custado a vida a catro mulleres na Comunidade Autónoma, incluíndo o último caso, rexistrado en Pontecaldelas.
CONDENA DO ÚLTIMO CASO DE VIOLENCIA DE XÉNERO.- Despois do último caso de violencia de xénero, López Abella condena, en nome do PPdeG, este suceso, que olla con rabia, dor e impotencia, como o conxunto da sociedade galega.
A tamén vicesecretaria xeral do PPdeG recorda, simultaneamente, as notables carencias que seguen rexistrándose en Galicia no ámbito da violencia de xénero, poñendo como exemplo o feito de que a Xunta e o Goberno central continúan sen facer efectivos os xulgados específicos de violencia de xénero nas cidades de Lugo, Ourense e Ferrol, reclamados por un mandato unánime da Cámara autonómica; e que os comprometidos para Santiago de Compostela e para Pontevedra continúan sen entrar en funcionamento.