Vilalba, a 29 de novembro de 2008.- Os algo máis de tres anos de Goberno do bipartito da Xunta de Galicia pódense resumir, en opinión do Presidente do PP de Lugo, como “algo máis de tres anos de crise, paro e despilfarro”.
Segundo explicou hoxe en Vilalba José Manuel Barreiro durante a IV Convención do Partido Popular de Lugo, o executivo que colideran Emilio Pérez Touriño e Anxo Quintana foi incapaz de afrontar a realidade: a chegada e afianzamento da peor crise económica dos últimos anos; e polo tanto, de estar á altura que requiren as circunstancias: actuar de xeito dilixente e eficaz contra esa crise.
Ó seu entender, a actuación improvisada e errática do Goberno galego na súa toma de decisións, “que á vista está que son insuficientes e nalgúns casos incluso contraproducentes”, fixo que neste momento perdera ante a cidadanía galega “toda a credibilidade”.
“O táctica empregada por Touriño e Quintana para defenderse das críticas que os acucian, dende todas as áreas en dende todos os ámbitos sociais, de atacar e tentar responsabilizar ó Partido Popular de todo o que eles son incapaces de resolver, volveuselles en contra. Os acontecementos e a súa propia incompetencia fixo que lles caira a careta daquel teórico goberno de progreso que enarbolaban con tanto énfase e do que agora xa non poden botar man”, engadiu o presidente dos populares lucenses.
Para Barreiro, se mal están as cousas no conxunto de Galicia, Lugo ten “un plus” aínda máis negativo. “Somos a provincia cos salarios e coas pensións máis baixos e cunha taxa de inflación das máis altas. E, ademais, a mala política e a peor xestión desenvolvida por socialistas e nacionalistas fixo que o noso sector productivo principal, a gandeiría e a pesca, esté a pasar por un dos momentos máis difíciles que se lembran”, indicou.
Así, segundo suliñou José Manuel Barreiro, 600 explotacións leiteras da provincia de Lugo pecharon as súas portas no último ano. “Un dato que obriga á reflexión e a actuación inmediata”, dixo.
No que atinxe á pesca, a Xunta de Galicia na vez de centrar os seus esforzos en facilitar e potenciar o desenvolvemento do sector e en protexer os seus intereses, adicouse a asumir as competencias sobre desguaces, ó que lle vai a adicar o vindeiro ano máis de nove millóns de euros. “Queda claro cal é a preocupación da Xunta por este sector. Non só o abandonou a súa sorte na crise do combustible e lle deu as costas á hora de controlar a importación masiva de peixe foráneo, senón que 0 48 por cento do orzamento da consellería para este ano está aínda sen executar”.
O pasado mes de outubro o paro incrementouse na provincia de Lugo en 1.267 persoas, a maior subida de toda Galicia, que equivale a un aumento do 24 por cento en comparación co mesmo mes do ano 2007.
“Este é o desolador panorama que nos deixan os algo máis de tres anos do goberno progresista de PSOE e BNG na Xunta de Galicia e claro está que non podemos deixar que siga aí despois das vindeiras eleccións autonómicas do mes de marzo porque sería un desastre”, sentenciou Barreiro.