Santiago, 26 de novembro de 2008.- A Xunta de Galicia admitiu hoxe no Parlamento o retraso de máis de un ano que acumula a aprobación do decreto polo que se regula o currículo da educación infantil na Comunidade Autónoma. O texto, promovido pola Consellería de Educación, dispón do visto e prace do Consello Escolar de Galicia e do Consello Consultivo desde hai máis de un ano, pero atópase coa oposición frontal do BNG, que xestiona a primeira etapa da educación infantil, na que se atenden aos nenos de entre cero e tres anos.
A confirmación deste retraso produciuse esta tarde no Parlamento, cando a conselleira Sánchez Piñón respondeu a unha pregunta formulada pola voceira de Educación do Grupo Popular, Manuela López Besteiro, que puxo de manifesto o baleiro legal, en materia de contidos, no que están escolarizados os nenos que cursan educación infantil en Galicia.
A conselleira de Educación recorreu aos eufemismos para evitar referirse directamente ás fortes tensións existentes entre PSOE e BNG en materia de ensino, limitándose a sinalar que o texto do proxecto de decreto que regula o plan de estudos da educación infantil segue o seu trámite. Faltoulle engadir que ese trámite está paralizado polos socios nacionalistas de Touriño.