Partido Popular de Lugo

O PPDEG DEMANDA A CONSTRUCIÓN DA PONTE DE MASIDE NA OBRA DO CORREDOR NADELA SARRIA

Santiago, 26 de novembro de 2008 .- O deputado popular José Manuel Balseiro denunciou hoxe  no Pleno do Parlamento a situación que está a acontecer co proxecto de construción do corredor Nadela-Sarria, chamado a vertebrar toda a zona sur da provincia de Lugo, e que se está a converter nunha fronte permanente de conflitos pola “desidia,soberbia e falta de dilixencia da Consellería de Política Territorial”. Balseiro referencia a decisión unilateral do Goberno galego de prescindir dunha ponte, que comunicaba Maside, no concello de Sarria, co futuro corredor, e que condena ao esquecemento a todo un pobo.

Balseiro indicou que esta situación está a provocar un impacto intolerable a veciños, vivendas, granxas e terreos, que levan xa máis de dous anos illados. “Unha obra necesaria para vertebrar a zona sur lucense non cumpre os requisitos de mellora de accesibilidade para os veciños dos concellos”indicou o deputado popular.

Para Balseiro non existe xustificación técnica nin razón que avale a non idoneidade da ponte e que sexa mais caro non xustifica que Política Territorial poida illar a toda un pobo “nin castigar aos veciños retendo os pagos das expropiacións que por dereito teñen que recibir tras impedir o dereito de uso e disfrute dos seus propietarios”.

Para o deputado popular dado que as explicacións técnicas foron rebatidas unha e outra vez a única explicación do Goberno galego é “a soberbia da Conselleira de Política Territorial que non recibe aos veciños afectados, mais de 1300, e os castiga retendo os pagos das expropiacións que por dereito teñen que recibir tras impedir o dereito de uso e disfrute dos seus propietarios.

Balseiro enumerou na súa intervención as múltiples irregularidades na vía como o feito de que non se aplica o xustiprezo, non se están a pagar debidamente os danos nas edificacións ou terreos polo uso de explosivos, non se están a restaurar servizos ou propiedades públicas danadas, estase a provocar situacións de risco innecesario en casos de choivas abundantes nas canles do río Sarria e negase información directa aos afectados .