Partido Popular de Lugo

O PPdeG SOLIDARÍZASE CO SECTOR E RECLAMA EXPLICACIÓNS A PESCA ANTE A INTRODUCCIÓN DE SALMÓN EN XAULAS NA RÍA DE AROUSA

Santiago, 22 de novembro de 2008.- O voceiro de Pesca do Grupo Popular, José Manuel Balseiro, reclama unha explicación inmediata da Xunta de Galicia ante a confirmación de que unha empresa privada está a introducir salmón para o seu cultivo en catividade no polígono Ribeira C da Ría de Arousa, a pesar do compromiso do Executivo galego de paralizar tal proxecto.

Pescadores e mariscadores da ría de Arousa temen que os produtos utilizados para o cultivo de salmón en xaulas (pensos, medicamentos, etc) acaben prexudicando ao peixe e o marisco da ría, e tamén ao mexillón das bateas, caracterizado por unha elevada calidade que podería resultar afectada.

Neste escenario, o PPdeG expresa a súa solidariedade e apoio aos pescadores, mariscadores e bateeiros que se opoñen a cultivo de Salmón na ría de Arousa e esixe á Xunta que cumpra o seu compromiso e aplique unha moratoria á implantación desta modalidade de acuicultura.

A anunciada introdución de salmónidos na ría só pode interpretada como consecuencia da falta de criterio da Xunta, incapaz de cumprir os compromisos adquiridos co sector pesqueiro e marisqueo de Arousa, ou tamén por mor da reiterada pasividade dos servizos de inspección e vixilancia pesqueira.

UNHA NEGLIXENCIA QUE CUSTA 1 MILLÓNS DE EUROS.- Balseiro agrega que Pesca tamén debe explicar ao sector e ao conxunto dos galegos canto lle vai custar a indemnización que reclama a empresa concesionaria. Altos responsables da Consellería teñen admitido, en reunións cos sector extractivo da ría de Arousa, que a empresa afectada reclama  unha indemnización de 1 millón de euros a cambio de renunciar ao cultivo do salmón, xa que foi a propia Xunta a que, no descontrol administrativo que reina no departamento que dirixe Carmen Gallego, concedeu a autorización que permitiu a implantación deste proxecto.