Santiago, 21 de novembro de 2008.- Os deputados do PSOE e do BNG na Comisión de Agricultura do Parlamento de Galicia votaron en contra dunha proposta defendida pola deputada popular Susana López Abella coa que trataba de instar á Xunta a iniciar de inmediato a execución do plan de mellora dos servizos nos concellos lucenses e ourensáns integrados na denominación de orixe Ribeira Sacra.
Ante a negativa das voceiras de Medio Rural do BNG e do PSOE a apoiar a proposta do PPdeG -similar á que resultou aprobada por unanimidade no Congreso dos Deputados o pasado 29 de outubro a instancias da deputada popular e alcaldesa de Sober Raquel Arias- Susana López Abella apuntou que os socios do bipartito galego actúan como veletas ao renunciar a apoiar no Parlamento galego unha iniciativa que si apoiaran en Madrid hai escasamente mes e medio.
López Abella enumerou, na súa intervención, as carencias que presenta o plan de infraestruturas impulsado pola Xunta na Ribeira Sacra e preguntou, entre outros aspectos, por qué adxudicaron as obras previstas a unha empresa que carece da maquinaria necesaria para levalas a cabo.
A proposición non de lei debatida a última hora da tarde de onte na Cámara autonómica a instancia do PPdeG propoñía un plan de acción articulado en torno a cinco grandes eixes: medidas encamiñadas a impulsar a formación e incorporación de xente nova á actividade vitivinícola, mellora das explotacións da Ribeira Sacra; axudas específicas para facer fronte aos gastos adicionais xerados nas explotacións polo mantemento da paisaxe, en aplicación dunha recente lei promovida polo bipartito autonómico; apoio á reestruturación e reconversión dos viñedos e protección do medio natural; así como medidas de promoción da produción xerada polas adegas acollidas á Denominación de Orixe.