Santiago, 20 de novembro de 2008.- O director xeral do ente público Augas de Galicia, José Luis Romero, responsabiliza ao alcalde de Navia de Suarna do retraso que acumula a estación depuradora de augas residuais e mailos colectores dese concello, pendentes de licitar desde o ano 2005.
Ao responder a unha pregunta formulada onte no Parlamento polo deputado popular Jaime Castiñeira, o representante da Xunta tratou de eludir a responsabilidade do Goberno bipartito culpando do retraso desta obra á Administración local, á que acusa de non facilitar os terreos necesarios para ubicar a EDAR.
TODO PARADO DESDE HAI CATRO ANOS.- Esta resposta foi interpretada por Jaime Castiñeira como un intento da Xunta para evitar que se evidencie a incapacidade do Goberno bipartito para executar as obras de saneamento que teñen pendentes en toda Galicia. Como exemplo, Castiñeira apuntou que o anteproxecto de EDAR e dos colectores de Navia de Suarna foi redactado polo anterior Executivo do PPdeG no ano 2004 e quedou listo para licitar no segundo semestre de 2005, pero catro anos despois, a piques de rematar a actual lexislatura, o Goberno de Touriño continúa sen efectuar trámite algún que permita desatascar a situación de parálise dese proxecto.
A ausencia de EDAR en Navia de Suarna significa que os vertidos van parar ao río Navia, un curso fluvial especialmente rico en fauna piscícola, pero que atesoura tamén nas súas marxes unha vexetación valiosa desde o punto vista ambiental e paisaxístico.