Partido Popular de Lugo

A PLANTA QUE O CONSELLEIRO DE MEDIO AMBIENTE INAUGURA HOXE EN SOGAMA AÍNDA NON FOI RECEPCIONADA POLA EMPRESA PORQUE NON OFRECE O RENDEMENTO PREVISTO

Santiago, 18 de novembro de 2008.-  A planta de clasificación de envases lixeiros do complexo medioambiental de Sogama en Cerceda, que hoxe inaugura o conselleiro de Medio Ambiente, aínda non foi recepcionada polos técnicos da empresa, que se negan a asinar ese documento, na medida en que as instalacións non ofrecen o rendemento previsto no  prego de prescricións técnicas que rexeu o concurso de adxudicación.

As  instalacións inauguradas por Manuel Vázquez efectúan unha reciclaxe de calidade inferior á requirida no contrato e, de feito, nas probas realizadas ata o de agora, ofreceron sistematicamente un rendemento inferior ao esixido, tanto por Sogama, como nas especificacións técnicas de Ecoembes para este tipo de operacións. Ademais, as instalacións acumulan un notable retraso, xa que deberían estar rematadas e recepcionadas desde o pasado mes de agosto.

ADXUDICACIÓN IRREGULAR.- Jaime Castiñeira, voceiro de Medio Ambiente do Grupo Popular, recorda que a adxudicación do contrato para a automatización, operación, mantemento e limpeza da planta de clasificación de envases lixeiros do complexo medioambiental de Cerceda –inaugurada hoxe- foi efectuada de xeito irregular polo actual presidente de Sogama, José Álvarez, que rexeitou a proposta efectuada polos técnicos da empresa, e outra externa de Ecoembes.

Deste xeito, José Álvarez seguiu o exemplo da conselleira  de Política Territorial (que encargou un informe á medida dos seus intereses para adxudicar a autovía da Barbanza a unha oferta cun sobrecuste de 30 millóns de euros) e tamén pediu un informe ad hoc, á Universidade de Vigo, para adxudicar o contrato da planta de clasificación, que ascendeu finalmente a 19.085.659.06 euros.

O presidente de Sogama rexeitou a proposta de adxudicación contida no informe dos propios técnicos da empresa, elaborado a petición  da mesa de contratación e que resultaba ser coincidente con un segundo informe elaborado por Ecoembes, unha sociedade anónima sen ánimo de lucro constituída por un grupo de empresas a prol do reciclado e dunha xestión axeitada dos residuos.

AS ADVERTENCIAS DOS TÉCNICOS ERAN CERTAS.- O paso do tempo acabou dando a razón aos técnicos de Sogama e aos de Ecoembes, na medida en que a proposta elixida polo presidente da empresa, unha vez executada, demostrou presentar as carencias advertidas previamente polos profesionais independentes aos que José Álvarez optou por ignorar.

Neste escenario, o PPdeG recorda que o conselleiro de Medio Ambiente é coñecedor de todas as irregularidades cometidas polo presidente de Sogama –desde o vertido de lixiviados tóxicos do vertedoiro de Cerceda, ata a adxudicación irregular dun contrato de 19 millóns de euros, pasando polos gastos suntuarios do presidente de Sogama, como o alugueiro do coches oficiais ou a cadeira de despacho valorada en 3.000 euros- sen ter adoptado medida algunha para corrixir a situación.

Por iso, Jaime Castiñeira interpreta que co acto de hoxe Manuel Vázquez ampara expresamente as irregularidades cometidas polo seu amigo José Álvarez.