Partido Popular de Lugo

O GPPP ESIXE A GÓMEZ BESTEIRO QUE RECIBA ÓS ALCALDES DOS CONCELLOS AFECTADOS POLO CANON

Lugo, a 17 de novembro de 2008.- O GPPP presentou hoxe unha moción para ser tratada na vindeira sesión que celebre o pleno da corporación da Deputación na que se solicita que ó Presidente do ente provincial convoque “canto antes” ós alcaldes dos concellos afectados polo pago do canon hidroeléctrico para pechar definitivamente o cumplimento da sentencia.

O voceiro dos populares, José Manuel Barreiro, considera que xa é hora de que Besteiro convoque ós alcaldes e lles aclare esta cuestión, ó tempo que lembrou que levan agardando dende hai máis dun ano a que esta reunión se celebre.

Para Barreiro, “non hai xusitificación e non é aceptable” que o Presidente da Deputación nin sequera dera acuse de recibo á carta enviada con este fin o 24 de outubro de 2007 por nove dos alcaldes afectados por este pago. Esta actitude, ó seu entender, pon de manifesto a falla de respeto institucional de Gómez Besteiro para cos lexítimos representantes dos cidadáns e dos concellos de Guntín, Taboada, O Saviñao, Sober, O Páramo, Paradela, Carballedo, Pantón e Quiroga.

José Manuel Barreiro referiuse tamén hoxe na rolda de prensa convocada para anunciar a presentación desta moción, na que estivo acompañado do voceiro adxunto do GPPP José María González Barcia, a que no orzamento da Deputación do presente exercicio hai partidas orzamentarias para cumplir a sentencia, a maiores da fixada para Chantada, que non só están sin executar senón que aínda non se estableceu qué obras e en qué concellos se van a facer.  

Consideran, polo tanto, os populares que nesa reunión solicitada no seu día polos alcaldes, e que o GPPP volve agora a reclamar na súa moción, debería concretarse tamén a temporalización do calendario de cumprimento da sentencia, así como os investimentos a realizar en todos e cada un dos 16 concellos afectados.

José Manuel Barreiro, quen lembrou que na pasada campaña electoral das municipais comprometérase a abordar esta cuestión con urxencia, sacou a relucir o cambio de postura dos socialistas á hora de abordar este compromiso, ó que a Deputación está, segundo puntualizou, obrigada pola propia sentencia xudicial. 

Así, segundo dixo, as prisas iniciais reiteradamente publicitadas estanse a demorar moito no tempo e, de feito, tras a foto bucólica realizada en Chantada co encoro de fondo, non foron capaces de definir, nin tan sequera en Chantada, o xeito de cumplir a sentencia. O que si fixo a Deputación foi deducir de xeito inmediato e a cargo deste pago as deudas que o Concello de Chantada tiña pendentes coa administración provincial.