Santiago, 17 de novembro de 2008.- O Grupo Parlamentario Popular solicitará a comparecencia no Pleno da Cámara da conselleira de Política Territorial, a socialista Maria José Caride, para que dea conta do exposto nos distintos informes que o seu departamento e, máis en concreto, a Dirección Xeral de Urbanismo elaborou co obxecto de analizar o contido do polémico plan galego de acuicultura. Os populares sospeitan que moitos destes informes, tal e como transcendeu nalgúns casos á opinión pública, cuestionan gran parte do contido do proxecto acuícola do bipartito, especialmente, de aqueles emprazamentos e piscifactorías máis polémicos, polo seu excesivo impacto no medio ou por afectar a bens de interese cultural.
Os populares galegos solicitaron estes e outros informes sectoriais a través do procedemento legalmente establecido, o artigo 9 do regulamento da Cámara autonómica, hai xa meses, pero a Xunta de Galicia aínda non os remitiu.
“Resulta máis que evidente que algo queren ocultar”, explicou o voceiro de Pesca do PPdeG, José Manuel Balseiro. “Pero non poden manter esta estratexia indefinidamente. Buscan poñer obstáculos ao labor de control ao Goberno que temos o dereito de realizar, pero máis pronto que tarde saberemos cales foron as críticas que as distintas consellerías realizaron sobre o futuro mapa acuícola e saberemos tamén se a Consellería de Pesca atendeu estas propostas ou, polo contra, acabou impoñendo un proxecto que non convence a ninguén”, agrega Balseiro.
MUTISMO DE POLÍTICA TERRITORIAL.- Precisamente está mañá foi obxecto de debate, no seo da Comisión de Pesca do Parlamento de Galicia, unha iniciativa que tiña por obxecto coñecer máis datos respecto do contido do informe elaborado pola Dirección Xeral de Urbanismo.
En contra do que sería lóxico, ningún dos altos cargos da Consellería de Política Territorial acudiu á Cámara autonómica para explicalo. Si o fixo, no seu lugar, o secretario xeral da Consellería de Pesca, Miguel Ángel López Sieiro, quen mantivo a mesma posición que ata o momento está a ser o discurso do Goberno galego: que se trata dun plan consensuado coas distintas consellerías e que conta co visto e prace do conxunto do bipartito galego.
En todo caso, o mutismo da CPTOT foi interpretado polo PPdeG como un recoñecemento implícito de que o departamento que dirixe a Maria Jose Caride “renuncia a defender un plan no que non cree”.
INFORMES DE OBRIGADO CUMPRIMENTO.- Ao mesmo tempo o número dous de Pesca, Miguel Angel López Sieiro, explicou que o informe da Dirección Xeral de Urbanismo é preceptivo e vinculante. Ao tratarse de proxectos sectoriais, non só resulta obrigado que as distintas consellerías se pronuncien respecto do contido do plan, e polo tanto que o avalen ou o rexeiten, senón que ademais este pronunciamento vincula e obriga a Pesca, que ten o deber de acatar o seu contido para evitar que o plan acuícola sexa ilegal ou moitos dos seus emprazamentos non poidan levarse a cabo por ser defectuosos.
AVAL POLÍTICO, NON XURÍDICO.- Os populares manteñen que unha análise escrupulosa do plan galego de acuicultura “sexa quen sexa o departamento que a realice, ten que poñer de relevo as múltiples deficiencias das que este proxecto adoece”. Por iso, o PPdeG conclúe que “se o plan acuícola foi definitvamente aprobado a finais do mes de agosto é porque socialistas e nacionalistas basearon o seu apoio en base a criterios políticos, e non xurídicos”. Para Balseiro Orol, este tipo de circunstancias poñen de relevo que estamos ante un “disparate” que rematará por “ser pernicioso para todos: veciños das áreas afectadas, empresas, medio ambiente, etc” e, en base a iso, fai un novo chamamento para que a Consellería de Pesca volva ao consenso acuícola, e elimine os emprazamentos máis polémicos.