Partido Popular de Lugo

O PP CALIFICA AS PARTIDAS ACADADAS POLO BNG EN MADRID PARA A COMARCA DE LEMOS DE POUCO AMBICIOSAS

Lugo, 14 de novembro 2008. A deputada nacional e alcaldesa de Sober, Raquel Arias Rodríguez, calificou as partidas acadadas polo BNG nos presupostos xerais do Estado para a zona de Lemos de moi pouco ambiciosas, xa que tan só acadaron 2,4 millóns de euros para a zona, fronte ós 27 millóns que o PP solicitou e que afectarían directamente a toda a comarca.

Raquel Arias asegurou que “das escasas peticións dos nacionalistas para esta comarca tan só dúas serán supostamente executadas como é o proxecto da ponte Nova Aceña sobre o río Cabe, cunha partida irreal de dous millóns de euros, e varias obras de mellora na antiga N-120, cun coste de 400.000 euros”.

Para os populares, os nacionalistas venderon o seu voto a cambio de nada, xa que consideran insuficientes as partidas acadadas, ó tempo que lembran que o 97 por cento do orzamento do exercicio anterior previsto para esta zona quedou sen executar.

A deputada popular lamentou que os monfortinos teñan que continuar agardando por, entre outras cousas, unha nova potabilizadora que mellore a calidade da auga ou mesmo os fondos precisos para acondicionar as instalacións destinadas á depuración de augas residuais.

Terán que esperar tamén, segundo indicou Raquel Arias, a que se financie a restauración da muralla do conxunto monumental de San  Vicente, xa as enmendas presentadas polo BNG sobre esta cuestión foron rexeitadas en Madrid. 

Os populares consideraron que unha vez máis a zona sur da provincia é obxecto de discriminación xa que as inversións reivindicadas polo BNG fóronse para Pontevedra e A Coruña ou para pobos como Allariz.