Partido Popular de Lugo

A XUNTA CONFIRMA QUE AS GRANDES OBRAS PENDENTES DE EXECUTAR EN CHANTADA CONTINÚAN SEN DATA

Santiago, 13 de novembro de 2008.- Todos os grandes proxectos e obras pendentes de executar na comarca de Chantada continúan sen prazo para o seu remate, segundo se deduce da resposta ofrecida esta tarde no Parlamento polo secretario xeral da Consellería da Presidencia, Santiago Roura, ao responder a unha pregunta formulada pola deputada popular Susana López Abella.

O comparecente limitouse a recordar que a autovía Chantada-Monforte continúaa sometida ao procedemento información pública, sen concretar prazos de execución nin orzamentos. A mesa indefinición foi aplicable ao resto dos proxectos polos que se interesou López Abella, incluídas as autovías Lugo-Ourense e Lugo-Santiago, que discorren pola comarca. 

Na súa intervención, López Abella efectuou unha descrición da situación de abandono na que está sumida a comarca de Chantada desde a chegada do Executivo bipartito á Xunta de Galicia. Ao seu xuízo foron “anos perdidos” para a comarca, como queda en evidencia ao repasar a situación dos proxectos pendentes en materia viaria, como a autovía Chantada-Monforte, paralizada desde que o estudo informativo fora executado no ano 2003;  os retrasos da autovía Lugo-Ourense, cuio tramo San Martiño-A Barrela, queda adiado ata, polo menos, o ano 2010, e non existen garantía de conexión axeitada co polígono empresarial dos Acivros.  Sen embargo, Roura tampouco ofreceu compromiso algún para mellorar as comunicacións do polígono empresarial, malia os problemas das empresas da comarca.

O retraso é tamén o denominador común do proxecto da futura autovía Lugo-Santiago, que nun rematará, no mellor dos casos, antes do ano 1012. O eixe viario Parga-Friol-Palas-Monterroso-Taboada-Rubián é outra das vellas aspiracións da área sur da provincia de Lugo, pero o tramo final Taboada-Bóveda, continúa pendente de executar e sen garantía algunha de que poda materializarse nun futuro próximo.

En materia sanitaria, López Abella recordou as listas de espera que se rexistran no centro de saúde de Chantada para consultas cos médicos de cabeceira, pero tamén chamou a atención sobre a insuficiente dotación de persoal do punto de atención continuada da localidade, no que un único facultativo se ve sobrepasado pola demanda dunha poboación moi dispersa e que, polo seu envellecemento, fai un maior uso dos servizos sanitarios. Recordou que mentres o PSOE estivo na oposición, reclamou con insistencia o reforzamento dese PAC, pero que se esqueceu desa reivindicación en canto asumiu  responsabilidades de Goberno.

TÓPICOS E INEXACTITUDES.- Ningunha desas demandas foi atendida polo representante da Xunta, que nunha resposta plagada de tópicos e inexactitudes, chegou a afirmar que entre o PAC de Chantada e o Hospital de referencia, o comarcal de Monforte, distan só 11 quilómetros, cando a distancia real é de 30.

A relación de incumprimentos enumerada pola deputada popular  incluíu tamén a inexistencia da anunciada segunda residencia da terceira idade, o “engano” ao que a Xunta someteu aos veciños de Chantada cando comprometeu a construción dunha estación depuradora de augas residuais, cun orzamento de 7 millóns de euros. As sorpresa saltou cando, esta tarde, Santiago Roura anunciou que se está a traballar no proxecto de ampliación da actual EDAR de Chantada, feito que foi  interpretado por López Abella como unha renuncia explícita a dotar á localidade dunha nova estación depuradora de augas residuais.

Outras carencias sinaladas pola deputada foron a paralización do proxecto de edificio multiusos, ou a negativa a crear un segundo xulgado de primeira instancia e instrución na localidade e a enviar un xuíz de reforzo para apoiar ao actual, que tamén foron eludidas con evasivas polo secretario xeral de Presidencia.

Canto ao sector primario, López Abella recordou a ameaza que pende sobre os produtores de viño como consecuencia da penalización desta bebida no anunciado proxecto de lei de drogas e maila a discriminación da que está a ser obxecto o concello de Chantada no reparto de fondos do plan de infraestruturas vitivinícolas da Ribeira Sacra.