Santiago, 12 de novembro de 2008.- “Aquí, os únicos que se benefician dun Servizo de Gardacostas parado son os furtivos”, afirmou hoxe o portavoz de esca do Grupo Popular, José Manuel Balseiro, ao formular unha pregunta á conselleira do ramo, Carmen Gallego, para reclamar unha explicación convincente sobre o corte de subministración eléctrica rexistrado na sede central do servizo de Gardacostas de Galicia durante os pasados días 14 e 15 de outubro.
Por se non fose pouco con ter amarradas a porto ao 90% das embarcacións do servizo, a xestión neglixente da Consellería de Pesca acabou provocando o corte de fluído eléctrico por falta de pago de facturas atrasadas á empresa subministradora. Balseiro negou os argumentos facilitados pola Consellería e puntualizou que se ben os teléfonos da sala de control dos Gardacostas poden desviarse, non sucede o mesmo cos equipos informáticos, as pantallas de control ou os distintos sistemas de seguridade, que non poden funcionar sen fluído eléctrico.
O deputado popular reprochou á conselleira o traslado da sala de control do gardacostas a unha instalación que non teñan garantida unha dobre subministración eléctrica para facer fronte a calquera incidencia, malia que estes sistemas velan pola seguridade de vidas humanas.
¿PESCA NO REXISTRO DE MOROSOS E IMPAGADOS?.- “Da igual quen sexa o culpable, se a Consellería da Presidencia ou, como eles se apresuraron a dicir, vostedes. Estamos ante un acto de grave neglixencia”, subliñou Balseiro, que tamén preguntou á conselleira se pode garantir que Pesca non estea incluída nalgún rexistro de morosos ou impagados. A conselleira non desmentiu ningún dos argumentos utilizados polo PPdeG.
Agregou o deputado que a sucesión de neglixencias, imputables en exclusiva á Consellería de Pesca, teñen situado o Servizo de Gardacostas ao borde do caos. A situación ten chegado a tal extremo que Pesca entregou placas, uniformes e outros distintivos a persoal alleo ao Gardacostas.
SEN DIÑEIRO PARA O MÁIS BÁSICO.- «Hai diñeiro para falsos axentes e comisarios políticos ao seu servizo, pero non para os traballadores dos Gardacostas, que ten só piden o máis básico: dispoñer de electricidade nas súas oficinas centrais”, aseverou Balseiro.
“Nin sequera deixando sen luz aos Gardacostas de Galicia –agregou dirixíndose a Carmen Gallego- conseguirá obter a suficiente escuridade como para que non se poida ver a súa mala xestión, o enorme caos e a falta de dilixencia que caracteriza á súa Consellería: Nada pode tapar as súas repetidas e escandalosas equivocacións”.