Partido Popular de Lugo

O PPdeG RECLAMA “TRANSPARENCIA TOTAL” SOBRE O ENVÍO IRREGULAR DE MENORES A GALICIA E INSTA A QUINTANA A QUE INFORME CON RESPONSABILIDADE

Santiago, 11 de novembro de 2008.- O PPdeG reclama da Xunta unha política informativa de “portas abertas e transparencia total” en relación co envío irregular de menores marroquíes desde o País Vasco e Galicia nos últimos meses, ante a sospeita de que o vicepresidente da Igualdade, Anxo Quintana, podería estar ocultando información para tratar de exculpar ás institucións  responsables destas prácticas.

Susana López Abella, voceira de Igualdade do Grupo Popular, reclama “respecto para a dignidade dos menores magrebíes, enviados a Galicia como se fosen vultos facturados a través dunha empresa de transporte, mentres se incrementan as evidencias de que a ala nacionalista da Xunta trata de encubrir aos seus socios de Galeusca”.

O Grupo Popular xa rexistrou na Cámara diferentes iniciativas parlamentarias para coñecer toda a información dispoñible sobre a chegada masiva a Galicia de menores magrebíes procedentes do País Vasco, onde a saturación dos centros de acollida podería ter levado ás autoridades responsables a promover seu traslado a esta Comunidades á marxe dos canais institucionais legalmente establecidos.

ACTITUDE TIMORATA DE QUINTANA.- A tal efecto, o PPdeG solicitará a comparecencia parlamentaria do conselleiro da Presidencia  e do comisario xefe da Unidade da Policía Nacional adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia, da que partiu a denuncia presentada ante a Fiscalía de Menores.  Paralelamente, o Grupo Popular entende necesario que o vicepresidente da Igualdade, Anxo Quintana explique na Cámara a actitude timorata que está a adoptar ante esta situación e dea conta das medidas que está a desenvolver a Administración autonómica para acoller aos menores chegados en tren e autobús desde o  País Vasco, e que aclare se se está a protexer ou non ás institucións vascas.