Santiago, 11 de novembro de 2008.- O voceiro de Pesca do Grupo Popular, José Manuel Balseiro, defendeu hoxe no pleno do Parlamento unha moción na que solicitaba reforzar todos os controis sanitarios sobre a rede de comercialización co obxecto de detectar se as importacións de peixe panga distribuídas en Galicia conteñen produtos ou axentes contaminantes prohibidos, entre eles, listeria, salmonela, cólera, enterobacilos, metais pesados ou nitrofuranos.
Balseiro fixo referencia na súa intervención as alertas do Instituto de Investigacións Mariñas sobre a presenza de contaminantes no delta no que se cultiva esta especie procedente da acuicultura . Ademais o laboratorio de referencia de Anfaco-Cecopesca confirmou a presenza de axentes patóxenos en diferentes lotes comercializados no noso país e investigacións xornalísticas tamén deron testemuña do uso de fármacos e hormonas femininas administradas ao peixe panga.
INTENSIFICACIÓN DO CONTROL.- O PPdeG solicita na súa iniciativa a Xunta de Galicia que se dirixa ao Goberno Central para promover, no seo da Unión Europea, a intensificación dos programas de control das importacións de peixe panga e, en caso de que se reiteren os problemas de contaminación, poidan adoptarse as medidas necesarias entre as que non se debe descartar a prohibición das importacións deste produto.
Balseiro indicou que a Comisión Europea segue a mostrar incidencias deste produto, cinco no presente ano, que se unen as alertas do pasado ano referidas a presenza de residuos de medicamentos neste peixes. Mesmo o Consello Superior de Investigacións Científicas deu fe, segundo o deputado popular, da pouca idoneidade deste peixe.
Segundo o deputado popular “en definitiva, todos parecen percatarse disto excepto a Xunta de Galicia. Aquí temos que conformarnos cunha Consellería de Sanidade que actúa como sucursal dos intereses das empresas exportadoras de peixe panga e cunha consellería de Pesca que, lonxe de defender ao sector pesqueiro galego ante un produto de dubidosa calidade, promove a súa introdución nos menús de centros públicos, escolas, hospitais e residencias”.
PROMOCION DOS PRODUCTOS GALEGOS.- Na moción defendida hoxe o PPdeG solicitaba a promoción do consumo de produtos procedentes da actividade pesqueira galega, que dispoñen das máximas garantías sanitarias e nutricionais, e incorporalos nos menús dos centros públicos dependentes da administración autonómica como escolas, residencias, centros de día ou hospitais.
Así mesmo José Manuel Balseiro solicitou na súa iniciativa desenvolver cantas labores de información e asesoramento sexan necesarias co obxecto de que os datos relativos ao peixe panga e outros produtos pesqueiros foráneos de dubidosa calidade poidan ser coñecidos polo consumidor final de tal xeito de que dispoña de toda a información precisa á hora de elixir entre o consumo de peixe panga e outro peixe con maiores garantías hixiénico sanitarias e nutricionais, como é o capturado pola flota galega.
Balseiro acusou á Xunta de Galicia de “pechar os ollos” aos datos ofrecidos por entidades de sobrado e recoñecido prestixio e de non esclarecer as dúbidas ante as partidas que teñen chegado aos nosos mercados que amosan que “cos datos na man, non podemos afirmar sen temor ao erro que o peixe panga que hoxe chega aos nosos pratos é un peixe que ofreza confianza”. Así mesmo criticou que os deputados do PSOE e o BNG non teñan unha actuación responsable e non pidan mais escrupulosidade no traballo de control deste peixe.